Xunta e concello de Pontecesures colaboran na mellora das instalacións deportivas e obras de saneamento
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou esta mañá os beneficios da colaboración entre as entidades locais e a Administración autonómica que se reflicten na mellora dos servizos que estas ofrecen aos veciños.
Alfonso Rueda acompañado do alcalde da localidade, Juan Manuel Vidal, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta mañá o concello de Pontecesures, onde puideron coñecer de primeira man o estado de distintos proxectos de colaboración entre Xunta e concello.
Ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, o concello de Pontecesures levará a cabo obras de conservación no campo fútbol municipal, consistentes na pavimentación de dúas zonas no perímetro do campo de xogo e obras de conservación e mellora no pavillón de deportes municipal, consistente na instalación dun sistema de drenaxe exterior pola fachada sur, e na cubrición da zona do acceso principal.
Grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, o concello acometerá este ano obras de reparación de saneamento nalgunhas rúas, ao igual que xa fixeron en anos anteriores. Dende o ano 2015, o concello pontevedrés recibiu máis de 125.000 euros para pequenas obras. Grazas a esta colaboración cos concellos, é posible levar a cabo actuacións que, a pesares de non ser de gran envergadura, son útiles e redundan directamente na mellora do benestar e calidade de vida da veciñanza.