publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valadouro vivirá unha nova “Semana do Teatro” do 30 de agosto ao 6 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaLugoO Valadouro
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, e o Concelleiro de Cultura, Eduardo Chao González, presentaron na Casa da Cultura do Valadouro a XXXII Semana do Teatro que se celebra dende o 30 de agosto ata o 6 setembro nesta vila, e na que o Goberno da Deputación é a máxima patrocinadora, cunha achega 8.000 euros, para promover esta actividade; así como para a celebración do Entroido do Concello, dentro do Plan Estratéxico de Turismo.

“Facémolo dentro da nosa aposta en valor do patrimonio cultural como un factor diferencial de cada un dos municipios lucenses, capaces de xerar riqueza ao promover o turismo”, explicou García Porto. A Deputada remarcou a profunda tradición teatral que existe no Valadouro, que este ano celebra a súa 32ª edición; ademais de ter entre os seus ilustres veciños un Premio Nacional como é o actor Manuel Lourenzo, gran dinamizador cultural. Son un total de sete representacións teatrais realizadas por grupos afeccionados de Alfoz, O Valadouro, Tapia, Palas de Rei, Foz e Cervo”.

A Deputada dixo que agarda que as actividades que traemos ao Valadouro contribúan a dinamizar social e economicamente a vida municipal, aproveitando a afluencia de visitantes durante esta época estival, e que sexan, unha nova oportunidade máis para coñecer a riqueza patrimonial da Comarca, xerando, ademais, riqueza a través do impulso do sector turístico.

Programación

A programación gratuíta que financia o Goberno da Deputación no Valadouro inclúe sete representacións teatrais realizadas por grupos afeccionados. Todas as obras exhíbense no Salón de Actos do Centro Socio-Cultural, dende o 30 de agosto ata o 6 de setembro, ás 22:00 horas. O calendario é o seguinte:

- Mércores, 30 de agosto, o grupo Escouridal (Alfoz-Valadouro), representará unha obra orixinal de Pepe Peinó denominada Brancura.

- Xoves, 31 de agosto, o grupo Improvisados (Valadouro), baixo a dirección e coordinación de Ton Arenas e froito dun obradoiro de teatro afeccionado organizado polo Concello, e cofinanciado pola Deputación, no que os xoves actores aprenden a interpretar, escenificar, a traballar a voz e as distintas partes do corpo para facer un traballo escénico cun atrezzo minimalista .Nesta ocasión a peza que van a interpretar denomínase “Ao Revés..”

- O venres, 1 de setembro, tócalle o turno ao grupo de teatro Pico de Faro (Tapia) que escenificarán unha peza orixinal de Gonzalo González denominada “Borrón e Conta Nova”. Unha comedia na que se interpretará o difícil que é levar as rendas da vida mesma.

- O domingo, 3 de setembro, A Adala (Fazouro) interpreta “O que hai que ver ó volver á casa…” unha adaptación do propio grupo que trata sobre o tema da emigración no que moitos mariñáns contaban ir facer as Américas e voltaron a súa terra natal máis pobres do que se foron.

- O luns, día 4 de setembro, Metátese Teatro (Palas de Rei), interpretará o seu ultimo traballo que leva por título “O euromillón”. Un concurso musical que reúne ás mellores voces da nación e que entrega a nada desprezable cantidade de un millón de euros á voz gañadora.

- O martes, 5 de setembro tócalle o turno o grupo Axouxeres (Foz), que escenificará a súa última comedia denominada “Non casei con todos”. Unha comedia que representa a vida pura e dura a través dunha escenificación onde contaremos cun viúvo e as súas fillas e os seus xenros ós que lles fará a vida imposible.

- O mércores, 6 de setembro remata a XXXII Edición da Semana do Teatro do Valadouro cun grupo veterano O Bordelo (Cervo), que representará o seu último traballo “O malquerer”, unha comedia sobre o abandono do campo galego, o maltrato á muller e a falta de respecto e cariño cara ás persoas maiores.

29 de agosto de 2017 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.