Uns 360 rapaces da provincia gozan este verán en Culleredo dos campamentos deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Trescentos sesenta rapaces e rapazas dos 93 concellos da provincia da Coruña participan este verán en Culleredo nos campamentos deportivos da Deputación.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvólvense no Centro Residencial Docente de Culleredo (antiga Universidade Laboral) en dúas quendas, a primeira das cales rematou hoxe.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o tenente alcalde de Culleredo, José Ramón Riobó, asistiron este mediodía aos actos de clausura desta primeira edición do campamento, na que participaron 180 nenos e nenas dos concellos de Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Cabanas, Cambre, A Capela, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Ferrol, Frades, Mañón, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, O Pino, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Sada, San Sadurniño, Santiso, Sobrado, As Somozas, Toques, Tordoia, Valdoviño, Vilarmaior e Vilasantar.

Durante a súa estadía, os rapaces contaron cun amplo programa de activades que incluíu dende a práctica da equitación, a natación, o tenis, o sendeirismo ou deportes náuticos ata xornadas de praia, obradoiros, actividades e visitas culturais á Torre de Hércules, o castelo de San Antón, a Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae, o xardín de San Carlos ou o mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume.

O programa cultural completouse con veladas nocturnas nas que os nenos desenvolveron actividades e xogos que teñen como obxectivo fomentar a convivencia e o intercambio de experiencias.

Mañá comeza a segunda quenda

Mañá sábado, 26 de agosto, comezará a segunda quenda dos campamentos deportivos da Deputación. Ata o 1 de setembro, outros 180 nenos e nenas dos concellos de Ames, A Baña, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, A Coruña, Dodro, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Padrón, A Pobra, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vimianzo e Zas gozarán dun programa similar, con actividades deportivas, lúdicas e culturais, que incluirán excursións e xogos, baixo a supervisión de 18 monitores titulados e unha directora de campamento.

25 de agosto de 2017 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.