publicidade hoxe

Rosa Quintana destaca o crecemento e a sustentabilidade do sector náutico-deportivo en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaO Grove
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Grove o crecemento e a sustentabilidade do sector náutico-deportivo en Galicia. Un crecemento, explicou, que se reflicte nas solicitudes de autorización de uso dos postos de atraque nas instalacións portuarias de toda a costa galega, que aumentaron a súa cifra en preto dun 30% dende o ano 2013, pasando das máis de 7.000 autorizacións dese ano ás máis de 8.200 do 2016.

A titular de Mar destacou estas cifras durante o acto de presentación da X Regata Illas Atlánticas, no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Nel tamén subliñou que a construción de atraques é unha constante que busca dar resposta a esta demanda que segue en aumento. Neste sentido, lembrou que Galicia conta con 38 portos deportivos que acumulan máis de 12.000 amarres.

Ademais puxo de relevo diferentes valores do sector náutico-deportivo. Entre eles destacou que se caracteriza por responder ante as demandas dos usuarios mellorando a xestión e a explotación dos portos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo e pola difusión de boas prácticas ambientais e de posta en coñecemento da contorna.

Este traballo, engadiu Rosa Quintana, fai que Galicia sexa un referente de prácticas sustentables para toda España, que quedan reflectidas no outorgamento das bandeiras azuis e de Q de Calidad Turística. De feito, este ano os portos de Galicia recibiron 18 Bandeiras Azuis e 12 Bandeiras Q de Calidad Turística.

En relación ao futuro, para seguir medrando e captar clientes procedentes de toda Europa, a titular de Mar fixo fincapé en que a estratexia da Consellería do Mar é o desenvolvemento do plan da náutica-recreativa, consensuado cos responsables das principais instalacións náutico-recreativas galegas, tanto autonómicas como estatais, interesadas na súa promoción. Un plan, engadiu, que persegue incrementar o volume de negocio das dársenas recreativas de Galicia e que pasa por duplicar a presenza da representación da náutica-recreativa galega nos eventos promocionais de carácter internacional ao longo do 2017.

Este plan, puntualizou, ratifica a rendibilidade da presenza de Galicia nos salóns e feiras náuticas nos que presenta a súa oferta de servizos e instalacións. Así, este ano, Galicia estivo e estará presente en sete eventos de cinco países diferentes: Cork, Lisboa e Porto, Southampton, París e La Rochelle, e Dusseldorf.

Regata Illas Atlánticas

A Regata Illas Atlánticas para barcos clásicos e de época desenvolverase o 18, 19 e 20 de agosto na contorna do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, ao abrigo das illas Cíes, Sálvora e Ons, na ensenada da Lanzada e está integrada no Campionato Galego de Barcos Clásicos. Rosa Quintana, describiu esta competición como o espello da cultura marítima propia e internacional onde conflúen barcos de diversas épocas. Neste sentido, sinalou que en certa medida contribúe á recuperación das embarcacións de alto valor patrimonial.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o importante papel que regatas como a das Illas Atlánticas están a ter á hora de pór en valor o enorme potencial do turismo náutico e mariñeiro na nosa Comunidade. Porque, como lembrou, ambos potencian os valores diferenciadores de Galicia, aportan un gran valor engadido, enriquecen a nosa oferta, especialízana e fan posible que as rías reciban visitantes todo o ano polas súas posibilidades de navegación e a calidade das súas infraestruturas.

Todos estes obxectivos, dixo, están aliñados coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta dinámica e participativa do turismo galego que contempla Galicia como un todo e que está a acompañar o crecemento ordenado e sustentable do turismo en Galicia ata acadar os 6 millóns de visitantes en 2020. Nela, a Comunidade preséntase ante os viaxeiros como un destino tranquilo, do que gozar sen présas e que sabe acoller.

10 de agosto de 2017 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.