publicidade hoxe

Pazos de Arenteiro conmemora a súa historia coa festa “1809 A Batalla”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásCalendarioLocal Portada
A-
A+
Presentación do evento

Presentación do evento

A vila de Pazos de Arenteiro retrocederá dous séculos, os días 19 e 20 de agosto, coa celebración da festa “1809 A Batalla”, a 1ª Festa Histórica de Pazos de Arenteiro que traerá ao presente as tradicións e as vivencias daquela época, para conmemorar o 208 aniversario da Batalla que tivo lugar dentro da Guerra da Independencia. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Patricia Torres; e de Sustinea, Rebeca Carreiro.

Manuel Doval, quen lembrou as heroicas accións do Capitán Cachamuíña e a defensa que fixo pola súa terra, dixo que con esta celebración “Boborás pon en valor este feito histórico a través dunha iniciativa cultural que aglutina teatro, música, obradoiros e un completo elenco de actividades para o desfrute de tódolos asistentes”.

Con esta festa, o municipio de Boborás recupera a historia da vila e da súa bisbarra, representando a batalla que alí tivo lugar contra os franceses a comezos do século XIX cando os locais, da man do Capitán Cachamuíña, lograron derrotar ás tropas francesas.

Patricia Torres, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para poder desenvolver este proxecto, asegurou que esta celebración “vai a ser un éxito, pois foron moitas as persoas que nos chamaron de fóra de Galicia para interesarse por ela”. Asemade, a concelleira de Cultura de Boborás tamén agradeceu a colaboración “dos máis de cen voluntarios que estarán a traballar eses días para representar tódolos episodios que se viviron naquela época”.

Pola súa banda, Rebeca Carreiro dixo que esta celebración aposta “polo desenvolvemento local sostible e persegue a dinamización de todo o núcleo poboacional da vila, participando nela veciños da localidade e doutras aldeas de arredor”.

A programación da festa comezará o día 19 de agosto, ás 12.30 horas, co pregón da man do Bando Francés no Palenque. O mercado abrirá as súas portas ás 12.00 horas ámbolos días. Ademais tamén haberá actividades na rúa, o campamento do exército francés, teatro, unha mostra de esgrima, monólogos, música popular, obradoiros e postos de comida e artesanía, “un completo programa que rematará o domingo, 20 de agosto, ás 20.00 horas coa celebración da batalla final “fouces contra mosquetóns” na Ponte”, sinalou Rebeca Carreiro.

16 de agosto de 2017 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.