Os programas para situacións de pobreza enerxética beneficiaron a 1.123 familias da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de 563 familias da provincia da Coruña beneficiáronse en 2017 do tícket eléctrico social, a subvención para situacións de pobreza enerxética. Outras 560 familias participaron do programa AUXS, neste caso unha axuda que se concede cando a factura eléctrica xa está vencida para evitar cortes de luz e de gas. Ambas axudas están xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Co tícket eléctrico social as familias galegas con menos recursos puideron ver reducido o custo da factura eléctrica ata en 300 euros. Este tícket está dirixido ás familias galegas con fillos menores de idade ou persoas con discapacidade ao seu cargo e cuxos ingresos non superan en 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), establecido ata xullo deste ano en 6.390,13 euros por integrante do núcleo de convivencia.

En canto ao programa AUXS, son axudas urxentes de tipo social, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento da factura eléctrica e de gas ás persoas economicamente máis vulnerables, e deste xeito, asegurar o acceso continuado a estes servizos. Esta axuda vai dirixida as persoas cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o IPREM e teñan facturas de electricidade ou gas natural pendentes de pagamento despois da data límite de pagamento, xa teñan ou non a subministración interrompida.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que “o Goberno galego segue a impulsar medidas sociais para favorecer aos consumidores máis vulnerables e axudar ás familias a dispor dos recursos suficientes para o pagamento da enerxía coa que cubrir as súas principais necesidades”. En total, o investimento da Xunta de Galicia no tícket eléctrico foi de 110.086 euros e no AUXS de 38.515 euros.

24 de agosto de 2017 | 14:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.