O programa SmartPeme incrementa os seus asesoramentos e persoas formadas nun 50 %

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A rede SmartPeme, programa da Deputación de Pontevedra que oferta ás persoas emprendedoras e autónomas da provincia unha serie de servizos personalizados encamiñados ao desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), aumentou este último ano en preto dun 50 % tanto as persoas que se formaron a través dos seus obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

Deste xeito, foron 3.266 profesionais quen lograron adquirir novas habilidades no ámbito TIC entre xullo de 2016 e xullo de 2017, o que representa un incremento do 45,5 % respecto ao ano anterior, a través dos obradoiros semanais. Ademais, un total de 1.766 pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e persoas emprendedoras recibiron asesoramentos do equipo de profesionais de SmartPeme entre xaneiro e xullo de 2017, o que supón un incremento do 48 % respecto ao período anterior.

Esta mellora nos resultados ten a súa orixe, entre outras circunstancias, no aumento do catálogo de servizos que lles presta o programa da Deputación de Pontevedra aos usuarios e usuarias de SmartPeme. Deste xeito, nos últimos meses incorporáronse novas ferramentas como a posibilidade de realizar asesoramentos a través de videochamadas, evitando desprazamentos e favorecendo que as persoas autónomas con horario comercial e coincidente co do asesoramento de SmartPeme poidan realizar as súas consultas.

Ademais creouse SmartPeme Conecta un servizo en colaboración coas principais asociacións do sector que permite buscar provedores TIC a través da creación de perfís cegos para así dar solucións ás necesidades ás que o programa non pode dar cobertura, con provedores locais de solvencia e xerando riqueza no sector da provincia. Do mesmo xeito, SmartPeme vén de desenvolver un novo paquete de solucións TIC para persoas emprendedoras que estará axiña dispoñible a través da súa páxina web www.SmartPeme.depo.es. Neste guieiro, adaptado a cada unha das fases do proxecto de emprendemento (inicio, en trámites de constitución e coa actividade comezada), recóllese un conxunto de ferramentas escollidas especificamente para que a implantación do seu uso sexa doada e rápida e cunha predominancia de programas libres e de uso gratuíto.

Estas dúas ferramentas inclúense dentro da nova carteira específica de servizos axeitados ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial, autónomo e emprendedor da provincia. Ao abeiro desta carteira, tamén se inclúen os servizos puntuais e específicos para o sector vitivinícola (como o desenvolvido en Cambados ao abeiro das actividades da Cidade Europea do Viño 2017), o inmobiliario ou o comercio. Ademais, SmartPeme tamén ten realizado máis de 30 reunións de traballo cos axentes implicados: en primeiro lugar cos concellos, buscando que se convertan en protagonistas activos de cara ás empresas de cada unha das vilas da provincia e, en segundo lugar, co tecido asociativo sectorial e distintas entidades, dándolle voz ao tecido empresarial para chegar aos seus e ás súas asociadas e tamén pensando nas propias asociacións como usuarias potenciais.

Lembramos que o programa SmartPeme é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. Este proxecto abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

28 de agosto de 2017 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.