publicidade hoxe

O programa Ferrol Inserta 6 permitiu a 60 persoas sen emprego a realización de prácticas profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura do programa integrado de emprego Ferrol Inserta 6 no que ao longo de 12 meses 60 persoas sen emprego cualificáronse en diversas disciplinas a través de 590 horas de formación e realizaron nos últimos catro meses preto de 300 horas de prácticas profesionais non laborais.

Toca destacou que os programas integrados de emprego están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Neste caso, o obxectivo fixado é do 45%.

Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza como información, orientación, asesoramento e formación combinado con prácticas laborais. Deste xeito, Ferrol Inserta 6, que cun orzamento de 130.500 euros contou co apoio da Administración autonómica, permitiu aos seus participantes formarse en informática para a busca de emprego; intelixencia emocional para a inserción; manipulador de alimentos; prevención de riscos laborais; atención ao cliente, técnicas de venda e merchandising; operador de carretillas e plataformas elevadoras; escaparatismo e paquetería; manipulador de alimentos cárnicos; medio ambiente e calidade; e operador en maquinaria de movemento de terra.

Así mesmo, a través deste plan fixéronse actividades de prospección de empresas e intermediación laboral contactando con máis de 300 firmas da zona de Ferrol. No programa participaron alumnos con diversos perfís: desde menores de 30 anos con baixa cualificación ata persoas desempregadas en risco de exclusión social, parados de longa duración ou persoas con discapacidade. Son todos eles colectivos prioritarios das políticas de emprego da Xunta.

Toca sinalou que aínda están abertas, ata o próximo 21 de agosto, as axudas convocadas este ano para o desenvolvemento dos programas integrados de emprego, que contan cun orzamento de 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.000 persoas sen emprego, 565 máis que na convocatoria anterior.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se enmarca na Axenda 20, inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destinaranse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar a primeira das medidas de Emprega en Feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Con estas axudas, que están destinadas a concellos e entidades sen ánimo de lucro, prevese poñer en marcha un total de 46 programas para mellorar a inserción laboral dos participantes. Como novidade este ano, a Xunta primará a aqueles proxectos nos que participe e, polo tanto, estea implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.

A secretaria xeral de Emprego resaltou tamén que estes programas fomentan a colaboración entre as administracións públicas destacando a importancia de seguir promovendo esta cooperación para poder seguir ofrecendo formación de calidade e unha oportunidade laboral aos galegos en situación de desemprego.

1 de agosto de 2017 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.