O patrimonio da Deputación da Coruña volve sobre a súa historia
Visitas teatralizadas, recuperación de oficios, mostras… os bens patrimoniais da Deputación da Coruña cobran vida nos meses de verán para recuperar a súa propia historia como atractivo turístico e cultural. Desde os secretos ocultos das Torres do Allo de Zas até o encontro coa historia de Caaveiro ofrécense destinos para se atopar coa historia neste verán.
“Queremos que o patrimonio da Deputación sexa coñecido e vivido e o tempo de lecer do verán é unha boa ocasión para intensificar a actividade arredor de bens de inmenso valor como son o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo ou o Mosteiro de Caaveiro. A transferencia de xestión supón que son os concellos os que xestionan as visitas e os programas, de acordo coa Deputación que financia tamén esta dinamización do patrimonio público”, explica o responsábel da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xesús Soto.
O Eco Museo Forno do Forte será esta fin de semana un dos espazos privilexiados da Mostra da Olería de Buño que se desenvolve do 7 ao 13 de agosto. Obradoiros de barro, demostración ao vivo ou unha cocedura tradicional os días 5 e 6 de agosto son algunhas das propostas que se poderán vivir na edificación adquirida e rehabilitada pola Deputación da Coruña e dedicada ao mundo da olería de Buño.
No Mosteiro de Caaveiro, outro dos bens de referencia do patrimonio da Deputación, desenvolverase o II Encontro coa historia os días 19 e 20 de agosto. Nun espazo singular en que a arte, a historia e o patrimonio natural do entorno se dan a man recrearanse oficios antigos, malabares e bufóns, desenvolveranse visitas teatralizadas nun programa que pechará o concerto do grupo Musgalia o domingo ás 18.45. Ademais deste programa, Caaveiro estará aberto de 9:00 a 21:00 todos os días con visitas guiadas. Un servizo gratuíto de transporte conectará o Centro de Intepretación das Fragas do Eume co mosteiro dada a restrición de acceso de vehículos particulares.
No concello de Zas lembran que todas as estacións son boas para visitar as Torres do Allo mais, este verán teñen unha nutrida oferta de actividades. O I Concurso de Fotografía Móbil “Enfoques do Allo” procurarán miradas persoais sobre un monumento en que se desenvolverán visitas teatralizadas os domingos ás 19.30 a cargo do grupo Os Quinquilláns. Para as crianzas propoñen o Xogo de Pistas “Os Secretos Ocultos nas Torres” os días 12 e 26 de agosto ás 12.30 horas. Para facer máis gorentosa aínda a visita, convidan a imaxinar un concerto nunha tardiña de verán nun pazo idílico. Falan do ciclo “Clásicas nas Torres” que ofrecerá o 19 e 25 de agosto o concerto de Kamo Petrosian ás 20.30 horas. O 27 de agosto o concerto de Xoán Curiel e Iris Gey “Ao encontro de Martín Códax”, tamén ás 20.30.
Os sábados ás 18:00 horas e ás 19:30 horas tamén a historia volve teatralizada ao Dolmen de Dombate. Da man da compañía teatral Os Quinquilláns co espectáculo “No tempo das pedras. O Dolmen de Dombate” o público visitante poderá achegarse á súa milenaria historia. O venres 11 de agosto proponse unha singular actividade: a observación das estrelas con Jorge Mira nunha visita nocturna que sairá do dolmen ás 10 da noite. Ademais, quen quixer, poderá facer unha visita libre ao monumento de 9:00 a 21:00 ou participar nas visitas guiadas que se ofrecen diariamente.
Amplo é tamén o programa que no concello de Vimianzo propoñen para coñecer non só o seu Castelo senón tamén os Batáns de Mosquetín. Exposicións dos Amigos do Liña até o 13 de agosto con roupa de época e roupa de fogar e complementos e innovación e vangarda na olería de Buño até fin de mes son as propostas ás que se lle suman unha manchea de obradoiros de artesanía, cestería tradicional o día 5, traballos con liño o 12, panillada e foliada o 19 e modelado con barro o 26 de agosto.
A través do programa “Vimianzo historia viva” o público visitante poderá participar de visitas guiadas e teatralizadas, tamén coa compañía Os Quinquilláns, os domingos en horario de 13 horas e 17:00. e visitas guiadas aos batáns e muíños do Mosquetín os sábados e domingos en horario de 13:00 e 18:00 horas. Ademais, rutas históricas organizadas teñen o Castelo como protagonista que, o luns 14 de agosto ás 21:30 pódese coñecer da man do espírito de Evaristo Martelo que guía aos visitantes pola historia da fortaleza na súa visita nocturna a través do Castelo iluminado.











