publicidade hoxe

O DOG publica a licitación das obras dunha senda peonil e ciclista na estradas AC-174 e AC-190 no concello de Oleiros que contará cun orzamento de 800.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación as obras dunha senda peonil e ciclista nas estradas AC-174, treito Montrove-As Pedreiras, concretamente desde o punto quilométrico 2+440 ao 3+600, e na AC-190, no treito O Carballo-As Pedreiras, p.q. 0+200-0+620. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro mes de setembro, o luns día 26. Neste enlace pódense obter máis información.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda conta xa co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014-2020.

O Goberno galego,a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, investirá case 800.000 nesta obra, que ten un prazo de execución de 4 meses, e que permitirá realizar os percorridos habituais entre os núcleos de poboación e as zonas de equipamento a pé ou en bici, dun xeito cómodo e seguro. Concretamente, este proxecto busca a creación dunha senda peonil en dous treitos no Concello de Oleiros:

-Na AC-174: desde Montrove a As Pedreiras, do punto quilométrico 2+440 ao 3+600. O itinerario estará conformado, por unha senda de 2 metros de anchura e unha lonxitude total de case 1.160 metros, dividida da estrada mediante un separador verde de 50 centímetros de ancho mínimo e un bordo de formigón. Esta senda executarase en formigón coloreado, pola marxe esquerda desta vía.

-No caso da AC-190, abarca o treito O Carballo-As Pedreiras p. q. 0+200 a 0+620, onde igual que no caso anterior, será unha senda de 2 metros de anchura e unha lonxitude aproximada de 1.580 m, separada da estrada por un separador verde de 50 cm de ancho mínimo e un bordo de formigón. Neste caso, ao executarse a senda nunha zona na que se atravesa solo rústico de protección forestal, marxe dereita, o itinerario constituirase en solo estabilizado.

O Concello de Oleiros puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios para a execución da obra, salvo dúas fincas con propietario descoñecido, o que fixo necesario someter o proxecto a información pública.

Rematado o prazo de alegacións e presentación de informes por parte dos organismos afectados e analizados os recibidos, ultimouse a redacción do proxecto de construción, que foi aprobado definitivamente con data de 22 de xuño de 2017. Na mesma data foi aprobado o expediente de información pública.

Esta actuación, que fomenta a mobilidade sustentable e reforza a seguridade viaria, enmárcase no Plan de Sendas da Comarca da Coruña que está a desenvolver a Xunta e que prevé a construción de 9 itinerarios, que suman 7 quilómetros, nos que o Goberno galego investirá máis de 5,5 millóns de euros.

29 de agosto de 2017 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.