publicidade hoxe

O conselleiro de Cultura anuncia a restauración da pintura mural e do retablo da igrexa de Cancelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoTriacastela
A-
A+

No marco da visita a Cova Eirós, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, anunciou que a Xunta de Galicia vai acometer a restauración de urxencia da pintura mural e do retablo da igrexa de San Cristovo de Cancelo, na mesma parroquia onde está a propia cavidade.

O problema é a entrada de augas pluviais que dana os paramentos e as pinturas. Co obxecto de frear o deterioro das pinturas murais proponse levar a cabo unha primeira fase que terá como obxectivo a consolidación do soporte de fixación de urxencia da policromía mural, en perigo de desprendemento. Tamén se procederá a desmontar o frontal do altar maior, afectado por humidades, procedendo a unha primeira fase de restauración.

“Trátase dunha actuación puntual –informou o conselleiro– da que acaba de chegar o proxecto e que pretendemos comezar a acometer durante o mes de setembro e o total da actuación achégase aos 11.000 euros.” O prazo de execución é de tres meses, de xeito que é probable que a obra estea rematada a final de ano, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

Orixes románicas

A igrexa de San Cristovo conserva vestixios románicos. Tipoloxicamente, a súa estrutura é de unha única nave a dúas augas sobre armadura de madeira con catro trabes tirantes. No lateral norte conta cunha seteira e ventá inferior que semella de orixe románica, con mochetas saíntes e lintel. No lateral sur conta con seteira e sancristía. A espadana é de dous vanos. A portada é en arco de medio punto e ábsida semicircular, máis baixa e reducida ca nave. Finalmente, o arco triunfal é dobre, de medio punto e en aresta, sobre impostas e piastras.

29 de agosto de 2017 | 14:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.