publicidade hoxe

Medio Rural entrega ao concello coruñés de Ordes unha pértega e dous traxes para a loita contra a vespa velutina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+
Belén do Campo na entrega de material

Belén do Campo na entrega de material

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo entrega esta mañá dunha pértega e dous traxes para a loita contra a vespa velutina ao concello de Ordes, co fin de reforzar os traballos de control deste insecto no municipio coruñés.

Desta forma, xa son 38 as pértegas entregadas no que vai de ano, dun total de 41, a concellos que non contaban con este material e que no pasado ano tiveron un número elevado de avisos de niños de vespa velutina. Esta acción enmárcase no plan de vixilancia e control deste insecto que elaborou a Consellería do Medio Rural e no que tamén colaboran máis dun centenar de concellos, a Consellería de Vicepresidencia a través dos grupos de emerxencia supramunicipais e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

No que vai de ano xestionáronse a través do operativo establecido un total de 14.695 avisos, retirándose ou inactivándose 7.056 niños. Se analizamos os datos por provincias, na da Coruña elimináronse un total de 4.536, seguida por Pontevedra con 1.888, Lugo con 554 e Ourense con 78, evidenciando a baixa incidencia que ten a velutina nesta última provincia.

Ademais da entrega deste material, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está distribuíndo un total de 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturar as raíñas que saen da hibernación e impedir a formación de novos niños. Estas trampas complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas aos apicultores nos anos 2015 e 2016. Delas, 2.182 están sendo distribuídas entre apicultores da provincia da Coruña, 1.465 a través das asociacións apícolas e 717 por medio das Oficinas Agrarias Comarcais.

4 de agosto de 2017 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.