publicidade hoxe

Medio Rural destina 1,3 millóns de euros á Rede de camiños da parcelaria de Vilantime, en Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaLocal Portada
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou hoxe os traballos da rede de camiños da zona de reestruturación parcelaria de Vilantime, en Arzúa. Ángeles Vázquez sinalou que a Xunta de Galicia vai investir nestas infraestruturas rurais un total de 1,3 millóns de euros. As obras consisten na apertura de 40 novos camiños e o acondicionamento doutros oito xa existentes, nunha lonxitude total de 26,6 quilómetros.

Actualmente está xa executado arredor do 30% destas vías, segundo explicou a conselleira. O proxecto, que ten un prazo de execución de 24 meses, completarase coa colocación dun sistema de drenaxe lonxitudinal e transversal, así como coa instalación dun total de 27 sinais de stop noutros tantos cruces con estradas pavimentadas.

Ángeles Vázquez destacou nesta visita a importancia destas dotacións para dinamizar o medio rural galego, xa que favorecen tanto a mobilidade das persoas como a necesaria circulación de mercadorías, e con iso foméntase a comercialización dos produtos do agro. Engadiu ademais que estes procesos de reestruturación teñen unha relevancia especial en zonas como esta, moi gandeiras, e facilitan a ordenación do territorio e dos cultivos, facendo compatible a actividade agrícola coa forestal.

Deste xeito, ademais, a Xunta está a cumprir o seu compromiso co impulso das parcelarias. Dende o comezo desta lexislatura, Medio Rural iniciou en toda Galicia traballos de infraestruturas rurais correspondentes a 18 zonas e traballa co obxectivo de pechar no ano 2020 os 130 procesos abertos de reestruturación da terra.

Nesta visita a conselleira escoitou as demandas dos veciños en relación con estes procesos e con outras cuestións relacionadas co agro no concello de Arzúa. Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou que este municipio coruñés, de marcada vocación agrogandeira, ten actualmente concentrado máis do 60% do seu territorio, xa que os procesos de reestruturación abranguen 9.525 hectáreas das 15.590 coas que conta o termo municipal.

24 de agosto de 2017 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.