publicidade hoxe

Medio Rural achega 62.000 euros para o arranxo dos camiños municipais de Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCortegadaLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Cortegada

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Cortegada

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de recibir ao alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, que lle trasladou as necesidades do municipio en materia de arranxo de viarios. Así, ambos fixeron balance das subvencións recibidas polo concello a través do Plan marco de mellora de camiños municipais da consellería co que Cortegada recibiu 62.252 nos últimos dous anos.

En concreto, no 2016 obtivo unha subvención de 35.193 euros para o arranxo de distintos viarios da localidade e este ano sumaranse outros 27.059 para a mellora do firme do camiño de Zaparín. Está previsto actuar en máis dun quilómetro desta estrada municipal que permitirá facilitar a comunicación dos veciños.

Esta achega forma parte dos 3,7 millóns de euros que a Consellería do Medio Rural repartirá polos concellos da provincia de Ourense para o acondicionamento de camiños rurais de titularidade municipal. O reparto de fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación ou a ruralidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou que estas axudas destinadas aos gobernos locais enmárcase no obxectivo xeral do Goberno galego de fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, a través de diferentes iniciativas que buscan entre outros obxectivos o da cohesión territorial. Lembrou ademais que só no 2016, interveuse nun total de 810 quilómetros de camiños rurais en toda Galicia grazas a este Plan marco de mellora.

11 de agosto de 2017 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.