publicidade hoxe

Marisol Díaz Mouteira visita aos participantes nos campos de traballo organizados pola Xunta nos concellos de Ourense e Esgos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEsgosOurenseOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, realizou esta mañá unha visita aos campos de traballo de Esgos e Ourense organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que programan actividades de ocio e educación non formal.

Marisol Díaz, visitou o campo de traballo Medioambiental e Etnográfico de Vilar de Ordelles, emprazado na localidade ourensá de Esgos. Os 19 participantes nesta iniciativa, entre os que figuran oito estranxeiros de Alemaña, China, Rusia e Francia, limparán e acondicionarán a ruta do río Grañal, amais de crear unha páxina web e unha ruta virtual sobre a mesma, elaborar un documental onde se amosarán as testemuñas patrimoniais e etnográficas para a posta en valor desta zona. Tamén dinamizarán o Mosteiro de San Pedro de Rocas a través da dramatización da súa historia ao longo do tempo.

A delegada territorial acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, tamén coñeceu as actividades que están a levar a cabo no campo de traballo Un rural para tod@s. Esta iniciativa desenvólvese arredor do medio ambiente e do eido social. Os voluntarios acondicionarán terreos para uso agroecolóxico, o que está enmarcado nun programa ecosocial para persoas en risco de exclusión social. Así, os participantes nesta iniciativa traballarán man a man cos que serán os beneficiarios finais das hortas, que empregarán a comercialización dos produtos agrícolas como base económica e inicio para a inserción social.

Díaz Mouteira destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”. Así, no de Ourense so participa un galego, mentres que 10 voluntarios proceden doutras comunidades autónomas e tres son estranxeiros de Rusia e Xapón.

Na provincia ourensá lévanse a cabo un total de cinco campos de traballo de ámbito internacional no marco da campaña de verán 2017 atraendo a preto de 100 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos á provincia. Esta é unha das moitas actividades que están recollidas no programa O teu verán colle nunha mochila, que na provincia ourensá oferta un milleiro de prazas para mozos e mozas de entre nove e 30 anos.

3 de agosto de 2017 | 14:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.