publicidade hoxe

Goretti Sanmartín reúnese coa familia do alcalde de Vilasantar asasinado polo franquismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVilasantar
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, recibiu a Lola e Santiago Iglesias Veiga, fillos do alcalde de Vilasantar, Antonio Iglesias Corral, asasinado despois do golpe militar de 1936. “O seu é un exemplo da represión do franquismo, a que foi silenciada e aínda agora quere negar a Fundación Francisco Franco”, sinala Goretti Sanmartín.

Lola e Santiago Iglesias Veiga, son os fillos de Antonio Iglesias Corral, alcalde de Vilasantar asasinado despois do golpe militar de 1936. O seu é un dos máis de 300 nomes de alcaldes e cargos institucionais municipais que se recollen na listaxe do proxecto de investigación da Deputación da Coruña “Xeración Perdida”, dirixido polo profesor Emilio Grandío que quere botar luz sobre a represión nas corporacións municipais democráticas. Goretti Sanmartín lembrou, neste sentido, que na base de datos que o proxecto manexa neste momento hai 87 concelleiros e alcaldes asasinados polo franquismo.

A recepción institucional a Encarnación e Santiago Iglesias Veiga, insírese na preocupación por homenaxear e facer público os nomes dos membros das corporacións municipais represaliados polo franquismo. Neste sentido, a iniciativa está xa a cumprir obxectivos xa que, por poñer un exemplo, no concello de Cambre tirouse do fío dos nomes dos concelleiros represaliados Luciano Costa e José Pérez, que se fixeron públicos a través do proxecto, e no pasado mes de xullo rendéronlle unha homenaxe institucional coa presenza dos seus familiares e a promesa de que un espazo público, rúa ou praza, levará os seus nomes para recuperar a súa memoria.

“Os nomes de Antonio Iglesias Corral, Luciano Costa e José Pérez de Cambre ou o mesmo Ánxel Casal, alcalde de Santiago e vicepresidente da Deputación, son algúns dos moitos que botan por terra as afirmacións da Fundación Franco que negan que o ditador fusilase as persoas que se opuxeron ao golpe militar. A represión foi brutal e é necesario botar luz sobre a súa verdadeira dimensión con investigacións como a que promovemos desde a Deputación da Coruña mais tamén coa difusión e a recuperación da nosa memoria”, sinala Goretti Sanmartín que insistiu na necesidade de poñer freo á “apoloxía do franquismo” que está a facer a Fundación Franco, entre outras vías, a través das visitas guiadas ao Pazo de Meirás.

16 de agosto de 2017 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.