publicidade hoxe

Fomento da participación, o voluntariado e a convivencia da mocidade nos campos de traballo da campaña de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteceso
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá aos participantes no campo de traballo que a Xunta de Galicia organiza no municipio coruñés de Ponteceso en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal e que remata na xornada de hoxe. Un grupo de 20 persoas, entre as que se encontran mozos e mozas doutras comunidades autónomas e catro procedentes do estranxeiro (un de Rusia, outro de Alemaña e dous de Francia), participaron nesta actividade que forma parte da programación da Campaña de Verán 2017.

Durante os dez días que durou esta convivencia os rapaces e rapazas levaron a cabo diferentes traballos ambientais: limpeza de maleza e de restrollos no contorno natural da praia de Valarés, identificación do patrimonio natural e sinalizaron da zona e recollida de lixo e limpeza do areal. Ademais, participaron na montaxe do festival xuvenil V de Valarés que se celebrou a pasada fin de semana. Tamén se programaron actividades complementarias, como xogos dinámicos, cooperativos e de orientación; obradoiros de relaxación e de instrumentos musicais, entre outros; rutas pola Costa da Morte; eventos culturais, como vídeo-foro ou relatos de contos e lendas galegas; visitas de grupos de música tradicional; e a realización de deporte con saídas en canoa e piraguas, entre outras prácticas.

Rey Varela salientou que actividades como este campo de Ponteceso “contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno, o traballo en equipo e a convivencia entre mozos e mozas doutras comunidades e países”. Así mesmo, “son unha excelente ferramenta de educación non formal, ao tempo que tamén favorecen a participación, o voluntariado e a mobilidade”, engadiu.

Ademais, o conselleiro apuntou que Galicia é referencia en España na organización de campos de traballo, desenvolvendo durante os meses de xullo e agosto un total de 28, dos cales dez teñen lugar na provincia da Coruña e en concreto nos concellos de Laracha, Betanzos, Boqueixón, Coirós, Curtis, Ordes, Ribeira, Rois, Vedra, Serra de Outes e Ponteceso. A oferta de prazas ascendeu este verán a preto de 900, entre campos que teñen lugar en Galicia e as reservadas para os que se desenvolven noutras zonas de España e no estranxeiro.

Campaña de Verán 2017

Os campos de traballo forman parte da programación da Campaña de Verán 2017 realizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A edición deste ano é a máis importante dos últimos anos no que atinxe ao número de prazas ofertadas cun total de 9572, 526 máis que en 2016.

Ademais destes campos, a campaña inclúe campamentos para menores de 18 anos e actividades para maiores de 18, a oferta concertada das instalacións e albegues xuvenís e accións de reencontro para descendentes de galegos residentes no exterior. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña, o que supón un 11% máis que o exercicio anterior.

Cómpre destacar que as accións de verán traen aparellado un impulso do emprego vinculado ao sector do ocio e o tempo libre. Así, estímase que o desenvolvemento desta campaña supón a xeración de 900 empregos de monitores e directores de campamentos e actividades de lecer.

24 de agosto de 2017 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.