publicidade hoxe

Espazos Sonoros arranca a súa décima edición esta fin de semana cun concerto de música barroca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaVilasantar
A-
A+

A organista e clavecinista Eva-Maria Rusche, a nova promesa Angela Ambrosini e Marco Ambrosini, un dos máis reputados intérpretes do instrumento da nyckleharpa, serán os encargados de abrir a décima edición do festival Espazos Sonoros cun concerto gratuíto de música barroca que terá lugar o sábado 2 de setembro, ás 20:00 horas, na igrexa de Santa María de Mezonzo de Vilasantar.

Fantasie, recercare, canzoni e follie del Barocco é o título do programa que ofrecerá o trío de músicos, cun repertorio no que conviven músicas de compositores italianos, españois, centroeuropeos e ingleses, xunto coa tradición escandinava, a través do instrumento da viola de chaves. Obras de recoñecidos mestres como Uccellini, Frescobaldi ou Scheidemann, de autores barrocos menos coñecidos como Ariosti, e tamén de autores anónimos do 1600 integran o programa de apertura de Espazos Sonoros.

Previamente ao concerto, o festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, tamén ofrecerá, para as persoas inscritas, un percorrido pola ruta dos muíños do río Gándaras e obradoiros de agricultura ecolóxica na granxa Millo e Landras.

A danza no Renacemento

Ao día seguinte, o domingo 3 de setembro a partir das 16:30 horas, terá lugar o habitual obradoiro de achegamento á música antiga, que este ano se celebrará no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. A actividade Da imprenta ao salón: a danza no Renacemento achegará o público ao momento histórico de expansión da danza que propiciou o emprego da imprenta para a edición da música.

As persoas inscritas no obradoiro poderán participar, antes da sesión, nunha visita guiada ao mosteiro, cun percorrido polos claustros, a igrexa barroca, as capelas e a sancristía, a antiga cociña abovedada e a sala capitular, na que terá lugar o propio obradoiro.

Os escenarios, concertos e actividades da décima edición

Os fornos da Pontenova, o castelo de Pambre, o mosteiro de Montederramo e Santa Mariña de Sela son algúns dos escenarios da décima edición do festival Espazos Sonoros, que se desenvolverá desde o 2 de setembro ao 15 de outubro nos concellos de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona.

Un obradoiro de fundición de campás, a paisaxe organística do Camiño do Norte, rutas a pé, visitas guiadas e obradoiros conforman unha programación que contará, entre outras, coas actuacións do Austrian Baroque Company, dos guitarristas Samuel Diz e Javier Díaz-Latorre, de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, do arpista Manuel Vilas e do grupo Favola d’Argo, de Pablo Seoane ou do pianista Alejo Amoedo, canda a soprano Susana de Lorenzo.

31 de agosto de 2017 | 14:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.