publicidade hoxe

Comezan as obras de reposición de beirarrúas na travesía da PO-411 en Soutelo, Salceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSalceda de Caselas
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciou este martes as obras de reposición das beirarrúas da travesía da estrada autonómica PO-411 en Soutelo, no Concello de Salceda, e concretamente entre o p.q. 1+500 e o 1+880.

Con tal motivo, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado do alcalde de Salceda de Caselas visitou hoxe a zona para interesarse polo avance dos traballos. Unha obra que, tal e como destacou, “responde ás demandas dos comerciantes que así nolo formularon e ten por obxectivo a mellora do entorno desta zona, onde se emprazan varios establecementos comerciais”.

Esta actuación, cun prazo de execución de dous meses, responde a solicitudes da Asociación de Comerciantes Tabernanova. Así mesmo, posto que se trata dunhas obras de reposición de beirarrúas, non son necesarias expropiacións, e realizaranse en terreos de Dominio Público adscritos á Axencia Galega de Infraestruturas.

O obxectivo é a mellora do estado das beirarrúas no devandito tramo de cara a recuperar a funcionalidade das beirarrúas, xa moi antigas e deterioradas polo paso do tempo, así como a mellorar a imaxe dunha travesía que constitúe a zona comercial de Soutelo.

As obras consistirán na demolición da beirarrúa existente, a instalación dun novo bordo e a execución de novas beirarrúas de formigón. Trátase dunha solución que permitirá dotar a esta travesía dunhas beirarrúas axeitadas para o tránsito das persoas ata que se leve a cabo a instalación planificada dunha nova rede de saneamento, que obrigará a unha renovación máis completa dos servizos e beirarrúas.

9 de agosto de 2017 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.