publicidade hoxe

As obras de ampliación do IES Universidade Laboral supuxeron un investimento de preto de 350.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitaron esta mañá as obras de ampliación do IES Universidade Laboral para acoller un novo módulo para taller de Formación Profesional dual de automoción. Na visita estiveron acompañados pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández Quintas, e polo director do centro, Xosé María Carballeira.

A actuación contou cun orzamento de case 350.000 euros, cofinanciada nun 80% con fondos Feder.

A obra consistiu na creación dun volume semellante á última ampliación, formado por un espazo de dobre altura destinado a taller e a almacén de material de despezamento, e unha zona anexa de dúas plantas destinada a aulas polivalentes e espazos auxiliares. En total ampliáronse 359 metros cadrados que facilitarán o desenvolvemento das prácticas dos alumnos da FP dual na familia profesional de transporte e mantemento de vehículos.

Díaz Mouteira explicou que a finalidade desta actuación é atender correctamente aos alumnos desta disciplina que ata a actualidade dispuñan de oito aulas para 11 grupos, resultando insuficiente o espazo para levar a cabo as prácticas tanto pola maquinaria que se emprega nos talleres como polo voluminoso do material.

Nos últimos anos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva investidos na mellora do IES Universidade Laboral máis dun millón de euros.

29 de agosto de 2017 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.