Ábrese o prazo de solicitude das axudas para funcionamento e profesorado das escolas de música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A partires de mañá e ata o 30 de setembro poden solicitarse as axudas a escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro. Esta liña ten por obxecto subvencionar o funcionamento e profesorado, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de musica dependentes de entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación musical. As bases contemplan, ademais, que estean radicadas na provincia de Pontevedra durante o ano 2017.

Para esta liña de subvencións a partida orzamentaria é de 80.000 euros e a súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Para a adxudicación teranse en conta catro criterios: o número de alumnas e alumnos matriculados no curso 2016-2017; o número de docentes; o orzamento da escola de música; e o grao de desenvolvemento artístico na zona.

A solicitude corresponde á entidades titulares da escola de música que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. As bases tamén establecen a obriga de que a entidade non estea incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas e que estean ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación.

A concesión destas subvencións é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas en ningún caso poderá superar o 100% do custo da actividade ou investimento que desenvolva a entidade beneficiaria.

2 de agosto de 2017 | 14:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.