publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición para a ruta das Depo Andainas que percorrerá Vilaboa e as Cíes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigoVilaboa
A-
A+

Desde hoxe luns, 28 de agosto, está aberto ata o 4 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en asistir gratuitamente á vindeira ruta das “Depo Andainas”. Esta terceira actividade do programa da Deputación servirá para coñecer as Salinas do Ulló de Vilaboa e as Illas Cíes. Nela poderán participar un total de 300 persoas que deben inscribirse ata o vindeiro 4 de setembro a través do formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal. e entregalo nos rexistros da Deputación, en Pontevedra e Vigo, ou nas oficinas do ORAL da provincia

A actividade comezará ás 09:00 horas con Vilaboa coma punto de partida. Desta maneira, a terceira parada destas “Depo Andainas” iniciarase cunha ruta polas Salinas do Ulló. Posteriormente, tras visitar o Miradoiro de Aves, un bus recollerá ás e aos participantes para levalos ao porto de Cangas, desde onde sairán cara ás Illas Cíes.

Xa na illa principal haberá un xantar nos merendeiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe (Monte Agudo), unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España. Ao remate, haberá a opción de seguir en ruta ata o Faro de Portas, na parte sur da illa pasando pola Lagoa dos Nenos, ou de quedar na marabillosa praia de Rodas.

Durante a actividade, que durará aproximadamente ata as 20:00 horas, impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, as persoas participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.

Posteriormente a esta ruta das Illas Cíes desenvolveranse outras dúas andainas nos meses de setembro e outubro, a primeira en Tui, co Camiño de Santiago, e, en último lugar, en Soutomaior.

O programa “Depo Andainas”, que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

28 de agosto de 2017 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.