publicidade hoxe

A Xunta inviste 26.300 euros na mellora das instalacións de centros educativos de Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a executar obras no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Xoán de Requeixo e no Instituto de Educación Secundaria (IES) Val do Asma, en Chantada, que suman un investimento de 26.300 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que se está a acometer unha segunda fase de obras de conservación e mantemento nos centros educativos da provincia, de cara a mellorar as instalacións para o próximo curso. Supón unha ampliación con 26 novos proxectos, que se suman ao medio centenar de obras que xa estaban en marcha dende o pasado mes de xullo.

En concreto, no CEIP Xoán de Requeixo estase a construír un novo peche. O muro situado xunto ao patio infantil estaba deteriorado, polo que se procedeu á súa demolición e a construción dun novo, en formigón armado, cunha altura media dun metro, e sobre este un peche metálico a base de poste metálico e malla galvanizada. Tamén se fixeron actuacións puntuais de reposición de azulexos en diferentes baños. No instituto Val do Asma comprouse un novo grupo electróxeno.

Balseiro subliñou a necesidade de “manter nas mellores condicións as instalacións educativas para que se adapten ás necesidades do alumnado, faciliten o labor dos docentes e, en suma, sexan o marco adecuado para o desenvolvemento dunha educación pública de calidade”.

Afirmou que está previsto que a práctica totalidade das obras estean concluídas na primeira semana de setembro, antes do inicio do curso, “e en todo caso se quedan remates intentarase que non afecten á normalidade da actividade lectiva”.

22 de agosto de 2017 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.