publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta amosa o compromiso galego co coidado dos maiores e das persoas con dispacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse hoxe ata a Residencia de Maiores Nuestra Señora de la Salud, emprazada na localidade ourensá da Peroxa, para coñecer de primeira man as súas instalacións e saudar ás 53 persoas que alí residen. O titular das políticas sociais da Xunta de Galicia tamén aproveitou a súa estadía nesa localidade para visitar a Residencia de discapacitados gravemente afectados Amencer A Peroxa.

Así as cousas, Rey Varela asegurou no transcurso do seu percorrido polas instalacións do centro Nuestra Señora de la Salud, xestionado pola Fundación San Rosendo, que “a labor que se leva a cabo nesta residencia é encomiable e supón un impulso aos servizos de atención social na Peroxa”. Así mesmo, felicitaba á Fundación polo seu aniversario e lembraba que ambas institucións veñen mantendo dende hai anos unha estreita colaboración tanto na área de maiores, como na área de persoas con discapacidade e na de adiccións, con diferentes prazas concertadas nos centros que forman parte da entidade.

A Fundación San Rosendo leva traballando en Galicia dende hai 25 anos e, actualmente, ten un total de 70 centros repartidos entre a atención a maiores, persoas con discapacidade e adiccións. A Xunta de Galicia subscribe dende hai anos un convenio de colaboración para o concerto de prazas ao que destina máis de 10 millóns de euros, o que permite o sostemento de 842 prazas repartidas nos diferentes recursos que ten a institución por toda a xeografía galega.

Rey Varela tamén indicou que a atención aos maiores é moi importante para o Goberno galego e sinalou que “o verdadeiramente importante é prestar o mellor servizo ás persoas que máis o precisan”. Por iso, a Xunta de Galicia aumentou a partida destinada ao coidado de maiores e persoas con discapacidade en 22 millóns, ata alcanzar os 385 millóns de euros de orzamento en 2017.

Centro Aspanas

O responsable da área social do Goberno galego visitou previamente o centro residencial que a Asociación de Pais e Nais a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspanas) ten na Peroxa. O conselleiro salientou a colaboración que a Xunta de Galicia mantén con Aspanas, a través do concerto de prazas tanto nesta residencia como nos centros de día e ocupacional que este entidade ten en funcionamento na parroquia ourensá de Velle.

Así, a Consellería de Política Social destina este ano máis de 2 millóns de euros que permiten ofertar 179 prazas para persoas dependentes nos diferentes servizos que ten Aspanas na provincia de Ourense. En concreto, o centro da Peroxa para persoas con discapacidade intelectual gravemente afectadas dispón de 30 prazas, todas elas concertadas. Así mesmo, hai unha unidade de adultos con autonomía de 24 prazas, a metade das cales tamén forman parte da rede pública.

Rey Varela destacou o traballo que está a realizar Aspanas, “entidade coa que compartimos o obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, así como a súa integración individual e apoiar ás familias”. Neste sentido, defendeu a necesidade de “abordar a discapacidade desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva”, tal e como se recolle na estratexia galega sobre a materia que a Xunta está a desenvolver conxuntamente coas entidades.

25 de agosto de 2017 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.