publicidade hoxe

A Pantín Classic Galicia Pro érguese como evento deportivo que promociona a comunidade a nivel internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaValdoviño
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación da 30 edición da Pantín Classic Galicia Pro. A cita tivo lugar na praia de Pantín, en Valdoviño, escenario desta competición de surf que comeza mañá ata o domingo.

José Manuel Rey Varela destacou que este evento deportivo se ten consolidado como unha das probas de surf máis importantes do calendario mundial. De feito, a proba forma parte do circuíto internacional de surf gracias á homologación da World Surf League (WSL). Por iso, subliñou a importancia da Pantín Classic Galicia Pro na promoción turística da Comunidade e puxo en valor o apoio da Xunta por unha práctica deportiva vencellada a valores como a liberdade, a natureza e o respecto e coidado do medio ambiente e do patrimonio natural.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia celebrou a consolidación desta cita anual que contribúe a impulsar Ferrolterra como un referente internacional no turismo de surf e coa que o Goberno galego colabora a través dun convenio asinado co Club Praia de Pantín.

Tres décadas de aposta “visionaria”

Nava Castro referiuse á proposta “visionaria” dos organizadores. Visionaria, afirmou, porque desde o departamento que dirixe insiste sempre na importancia de especializar e diversificar a oferta turística e de aproveitar os recursos endóxenos para desestacionalizar a demanda, “algo polo que este grupo de entusiastas do surf leva apostado desde hai tres décadas”.

A Pantín Classic Galicia Pro, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, contou na súa pasada edición con preto de 55.000 asistentes e esperta a atención de destacados surfistas profesionais de distintas categorías e países, un “boísimo estado de forma” que, en opinión de Nava Castro, “non é nada comparado co que aínda podería representar no futuro”.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta da Xunta e o sector neste importante eido económico, coa calidade e a sustentabilidade como guías, presta especial atención ao deporte e o turismo activo como unha canle para enriquecer a actividade turística. O turismo de surf supón, neste sentido, unha das prácticas impulsadas no marco desta Estratexia para fortalecer a captación de viaxeiros nas zonas de praia e costa ao longo de todo o ano.

28 de agosto de 2017 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.