A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense abre prazo de matrícula

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense abre desde mañá venres, 1 de setembro ata o día 30 de setembro, o seu prazo de matrícula para o curso 2017-2018. Os interesados poderán formalizar o seu ingreso na Escola a través dos formularios que están a disposición no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

A Deputación de Ourense mantén esta histórica escola, con máis de 125 anos de vida, na que se poden practicar as disciplinas de debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla-escultura en madeira, modelado-escultura en barro e oleiría.

Os alumnos pagarán unha cota de inscrición de 50 euros e un abono de 10 euros mensual pola asistencia ás clases, de luns a venres, nas instalacións que a Escola ten na rúa Doutor Marañón. A Deputación de Ourense bonifica ata o 100% aos alumnos desempregados ou que formen parte dunha unidade familiar na que os dous proxenitores se atopen en situación legal de desemprego. Tamén están exentos de matrícula e abono mensual as persoas con síndrome de Down e persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.

O curso académico empezará o día 2 de outubro e prolongarase ate o día 30 de xuño de 2018.

31 de agosto de 2017 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.