publicidade hoxe

A directora xeral do Patrimonio Cultural comproba as obras da Portada Norte da catedral de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, visitou hoxe a catedral de San Martiño de Ourense, onde puido comprobar o resultado dos traballos de restauración acometidos pola consellería na Portada Norte da Catedral, que acaban de rematar. Así mesmo, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar os traballos de reforma xeral do sistema eléctrico deste templo, unha intervención que supón un investimento de preto de 300.000 euros.

No que atinxe á restauración da Portada Norte, cun investimento de arredor de 115.000 euros, realizáronse intervencións sobre os paramentos pétreos, o rosetón e a propia porta de acceso ao cruceiro por esa parte norte. No ámbito da portada e tímpano, as limpezas tiveron como finalidade eliminar as sustancias que podan deteriorar o soporte, conservando as pátinas xeradas polo paso do tempo. No caso do rosetón, actuouse tanto sobre as pezas de labra de pedra granítica do mesmo, como sobre o acristalamento. Executáronse, asemade, traballos complementarios como a corrección de pendentes na pavimentación exterior.

No referido á reforma do sistema eléctrico, as actuacións previstas céntranse en dotar de seguridade á instalación eléctrica da catedral, renovando a acometida, o cadro xeral e os cadros que estean en mal estado, así como o cableado deteriorado ou fóra de uso. Ademais, dotarase dunha iluminación axeitada e eficiente á Capela Maior, de xeito que se potencien os seus valores artísticos a través de novas luminarias led orientables sobre guías dunha cor neutra.

Durante o seu percorrido pola catedral, a directora xeral estivo acompañada polo vicario xeral da Catedral, José Joaquín Borrajo Iglesias; polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e pola secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado.

Máis de 1,9 millóns de investimento

A directora xeral do Patrimonio Cultural lembrou que nos últimos anos a consellería ten investido xa máis de 1,9 millóns de euros neste templo.Deste xeito, contribuiuse á restauración do órgano catedralicio e realizáronse obras de restauración das pinturas murais e retablo do muro sur do Nártex, do Pórtico do Paraíso, da pintura do muro norte do nártex, da Capela de San Xoán. Ademais, executáronse as obras da segunda fase de reparación das cubertas deste templo da cidade das Burgas.

Así mesmo, a Consellería de Cultura e Educación financiou as obras de acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos e a restauración da decoración románica do templo, un dos elementos máis antigos deste templo, dun gran valor artístico e cultural, así como de indubidable para os visitantes. Así mesmo, no 2016 acometeuse a restauración do retablo da Asunción.

25 de agosto de 2017 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.