publicidade hoxe

A Deputación de Lugo promove os oficios tradicionais e o turismo co Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCervantesLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín presentaron este martes, no salón de actos desta localidade, a VI Edición do Encontro de Artesanía que terá lugar o vindeiro 9 de agosto no Polideportivo Municipal. Na presentación tamén participou Isabel Calvete, presidenta da ANPA de Cervantes, colaboradora na organización desta sexta edición do evento.

O organismo provincial é o principal patrocinador da cita, pois realiza unha achega de 2.000 euros para a organización deste evento, promovendo os produtos autóctonos e os oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia que, ademais de xerar riqueza, contribúen ao impulso turístico da vila. Para este evento, a institución tamén leva ao Concello unha demostración de cestería en vivo.

Campos Conde avanzou que “a Deputación é a unica administración que colabora con este evento, xunto co Concello, e faino, para contribuír a dinamizar a economía local e a produción artesanal, así como para contribuír á promoción turística deste pequeno Concello na Montaña lucense. Pois consideramos que este tipo de citas, que reúnen a un importante número de persoas, son fundamentais para dar a coñecer e poñer en valor cada recuncho da nosa provincia”.

Gómez Tadín agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “fundamental para garantir que se celebre un ano máis este encontro”. O rexedor convidou a todos os visitantes “a achegarse a Son Román de Cervantes para coñecer a nosa historia e desfrutar da nosa artesanía, e ao mesmo tempo pasar un dia de lecer, divertido e diferente nun enclave único”.

Artesanía, pintura, concursos e agasallos

A VI edición do Encontro de Artesanía arrancará ás 11:00 horas no Polideportivo Municipal que, durante toda a xornada, acollerá demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestería, traballo de coiro, tear e manualidades. Tamén haberá obradoiros para os máis cativos, mostras de pintura e concursos de pintura rápida e actuacións musicais.

Os visitantes poderán degustar produtos típicos da Montaña como mel, embutidos, ou pan. O teatro correrá a cargo da compañía Lucecús, coa obra “Pingüíns” e, paralelamente, disputarase o VII Aberto de Bilarda do Urogalo.

2 de agosto de 2017 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.