A Deputación de Lugo patrocina o Mercado Medieval de Mondoñedo con 32.000 euros
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, a xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo, Maria Jose Gómez, presentaron este mércores a XXVI Edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebrará os dias 11, 12 e 13 de agosto nas vilas céntricas da cidade. Fixérono na Praza da Catedral de Mondoñedo, o epicentro desta celebración, que cada ano atrae a miles de visitantes.
Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación renovamos a nosa colaboración cunha das citas turísticas e culturais máis importantes do municipio mindoniense, a través da que se xera riqueza e emprego e, polo tanto, e se dinamiza a economía local”. O Presidente remarcou que o organismo provincial é o principal impulsor deste evento, pois realiza unha achega económica de 32.000 euros para a organización da cita, así como cunha exposición de artesanía. Nesta ocasión, a programación conta con máis de 70 actividades, entre as que destacan: actuacións musicais; demostración de produtos artesanais; degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa, cetrería; gran torneo medieval; vodas; teatro; esgrima e actividades infantís, entre outras moitas.
O Presidente explicou que o Goberno da Deputación é a principal promotora e impulsora doutras citas turísticas e punteiras en Mondoñedo, como as Feiras da San Lucas, considerada unha das citas de gando cabalar máis antiga de Europa; así como de recursos turísticos, como as Covas do Rei Cintolo. Por exemplo, o Executivo Provincial achegou 40.000 euros para celebrar estas citas, 20.000 para cada unha delas.
Por último, o Presidente agradeceu o traballo o esforzo realizado durante estes anos por todos os colaboradores do Mercado Medieval e destacou que “como Alcalde que son, coñezo ben ás necesidades que teñen os Concellos, e a importancia da colaboración dos veciños nos eventos que se realizan ao longo do ano. Por iso merecedes o meu recoñecemento e o meu aplauso; como, por exemplo, o pregoeiro deste ano, Jose Ramón Montenegro Espina, que colabora dende a 1ª edición”.
A Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, agradeceu o traballo de todas as corporacións municipais na promoción deste Mercado, así como dos colaboradores que ao longo destes anos traballaron para consolídalo, como a Deputación.
Programación
O Mercado Medieval de Mondoñedo celebrarase a segunda fin de semana de agosto, concretamente os días 11, 12 e 13 de agosto. O venres 11, ás 20:00 horas abrirase a XXVI Edición do Mercado Medieval, cunha actuación do bruxo Queiman e Andrea Pousa, na que tamén haberá queimada. O sábado 12, haberá pregón, demostración de produtos artesanais, exhibicións de cetrería, títeres, espectáculos de lume, concerto medieval, cabaleiros medievais polas rúas, bufóns, verdugos, gran torneo medieval, e como cada ano, degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa. Esta xornada pechará coa tradicional gran cea na Praza da Catedral, que ten un custe de 12 euros.
O domingo 13 haberá, entre outros, exhibicións de tiro con arco, cetrería e a voda medieval polo rito mozárabe na Fonte Vella, ás 13:30 horas. Xa a partir das 20:00 horas disputarase un gran torneo medieval no Campo de fútbol de Santa Catalina, e pola noite ás 23:00 horas pechase esta edición coa actuación de bruxo Queiman e a voz da Andrea Pousa, cun espectáculo de luz na praza da Catedral.
Os lugares das actuacións musicais do Mercado, son ademais da Praza da Catedral e as rúas céntricas da cidade; a Praza do Seminario, Fonte Vella, Praza do Concello, o campo de fútbol do Seminario e a Alcantara. Ademais, durante as xornadas haberá campamento para os máis cativos no parque do Seminario.