A Deputación da Coruña colabora con “Participa” na inclusión social a través da arte
O acceso á arte é desigual e as persoas con diversidade funcional e que residen en localidades pequenas afastadas das cidades teñen moito máis difícil o seu goce. Para mudar esta situación, a Asociación Participa desenvolve un programa que conta co apoio da Deputación da Coruña.
A deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade, Ánxela Franco, e a vicepresidenta da Asociación Participa para a Inclusión Social, María Martínez, asinaron o convenio de colaboración que financia o programa de participación social no ámbito da arte para entidades de persoas afectadas por diversidade funcional. A Deputación da Coruña realiza unha achega de 10.000 € , o 44,395% do orzamento total da iniciativa.
O programa ten como obxectivo compensar diferenzas no acceso ás actividades artísticas e creativas das persoas afectadas con discapacidades, situadas en zonas dispersas da xeografía e con menos recursos. O seu desenvolvemento xira arredor da arte contemporánea, a través das exposicións temporais do MAC da Coruña.
“O programa que promove Participa é interesante por varias razóns, unha delas, porque consigue achegar a arte a persoas que teñen difícil o seu goce co cal significa un paso adiante na igualdade e, por outra parte, considera a arte como ferramenta para a inclusión social e, polo tanto, tamén para a eliminación das desigualdades”, sinala Ánxela Franco.
“Pretende compensar as diferenzas no acceso ás actividades artísticas e creativas coas persoas afectadas e incluídas en entidades de pequenas zonas dispersas”, destacan desde Participa dunhas accións que, por unha parte, posibilitan que entidades distantes do museo e con menos recursos podan desprazarse ou que o propio programa desprace o seu persoal técnico para a realización de actividades socioculturais, de participación e axuste social, nas propias sedes das entidades de afectados.
O Museo chega ás persoas
Obradoiros no Museo, propostas psicoeducativas e rehabilitadoras baseadas en mellorar aspectos de psicomotricidade, orientación espazo temporal, habilidades sociais ou expresións e manexo de emocións, sempre partindo dalgunha das exposicións temporais do museo, son algunhas das accións que integran esta iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña na que os obradoiros nas propias entidades son parte fundamental, co traballo sobre propostas didácticas derivadas das propias exposicións.
O programa está dirixido a entidades de persoas afectadas por diversidade funcional. Trátase dun proxecto de intervención directa coas persoas, infantil e adultas, con enfermidades mental, transtorno do espectro autista, parálise cerebral, discapacidade intelectual ou sensorial… que pertencen a entidades de pequenos núcleos do rural da provincia.











