A conselleira de Medio Rural defende a diversificación da produción para dinamizar o rural galego
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, apelou esta mañá á importancia de diversificar a produción agraria en Galicia para garantir que o mundo rural sexa dinámico e ofreza así distintas alternativas de emprego. Fíxoo durante unha visita á granxa de galiñas campeiras Campomayor, en Boimorto, onde dispoñen de aves alimentadas con cereais naturais ao aire libre.
A empresa Campomayor é unha das beneficiarias das axudas de transformación e comercialización de produtos agroalimentarios deste ano. Recibirá da Consellería do Medio Rural 43.848,70 euros para crear unha nova planta de tratamento de augas residuais nas súas instalacións de Palas de Reis, que custará uns 125.282 euros. A conselleira defendeu a relevancia dos investimentos nos sectores con menos peso en Galicia porque tamén eles contribúen a dinamizar a economía rural. Neste sentido, lembrou que ata o 13% das axudas deste ano pertencen a ámbitos distintos ao lácteo, o vitivinícola e o cárnico. En concreto, o 5,5% do orzamento vai destinado a dez proxectos hortofrutícolas e o 7,5% restante a 23 actuacións doutros campos, como neste caso, os ovos. En total, neste 2017 aprobáronse 144 iniciativas cun investimento superior aos 74,6 millóns de euros e que recibirán unhas subvencións de Medio Rural de preto de 24 millóns.
Ademais, non é a primeira vez que esta compañía recibe axudas da conselleira. Xa tivo achegas en anos anteriores para adaptar unha nova explotación de galiñas poñedoras e para construír outra instalación avícola.
Negocio familiar innovador
Campomayor é unha empresa de carácter familiar que vai xa pola cuarta xeración. Conta cunhas instalacións modernas nas que cada día recolle uns 600.000 ovos, o que se traduce nunha produción duns 14 millóns de ducias ao ano e unha facturación de 16 millóns de euros.
Ángeles Vázquez destacou a súa diversificación de produtos entre os que hai ovos de cría tradicional, campeiros e ecolóxicos, pero tamén ovo líquido e ovo cociñado a baixa temperatura que se utiliza na alta cociña. Esta é unha iniciativa pioneira en España e que, sumada ao ovo líquido pasteurizado que comercializan desde 2015, é o resultado de anos de investigación que a compañía leva a cabo desde o seu departamento de I+D+i.
“É bo que se coñezan estes proxectos tamén para que os mozos saiban que con traballo e tesón se pode vivir con rendas dignas no campo galego”, sinalou a conselleira do Medio Rural.