publicidade hoxe

A ampliación do CEIP de Sobrada inclúe tres novas aulas de infantil para integrar á totalidade do alumnado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP de Sobrada, no concello pontevedrés de Tomiño, onde a Xunta de Galicia está a realizar obras de ampliación para integrar á totalidade do alumnado nun único edificio. A intervención supón un investimento total de 220.595,14 euros, realizado en 2016 e 2017 e está previsto que conclúa ao longo do mes de setembro.

Para acadar esta integración, créanse tres unidades de aulas de infantil e un espazo de psicomotricidade, pechando o patio cuberto e habilitando novos espazos docentes. Até o momento as aulas de infantil situábanse nun edificio próximo e menos moderno, sito ao outro lado da estrada.

O conselleiro explicou que con esta actuación dáse “resposta a unha importante demanda da comunidade educativa” relacionada coa integración da totalidade do alumnado no colexio grande e, a maiores, co incremento da seguridade do alumnado máis novo, ao evitar que o alumnado do ciclo de Infantil teña que cruzar a estrada.

O conselleiro estivo acompañado na visita, entro outros, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do xefe territorial da consellería na provincia, César Pérez Ares.

Distribución do edificio e novos accesos

O colexio distribúese en dous volumes rectangulares, un de grandes dimensións en dous plantas, no que se sitúa a meirande parte dos servizos do centro, e un volume menor, na actualidade, só construído na planta alta e dedicado a aulas. A planta baixa deste volume menor é o patio cuberto no que se está a intervir.

O acceso ao novo aulario realizarase na intersección dos dous volumes. Está prevista unha evacuación directa desde cada aula ao exterior a través da prolongación do graderío existente no patio cuberto.

23 de agosto de 2017 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.