Uns 400 rapaces participan en Mondoñedo no Campus de Baloncesto
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Tapia Rivera, presentaron este luns no Salon de Actos do Pazo de San Marcos o XXI Campus de Baloncesto, que acolle a cidade mindoniense e no que participan máis de 400 rapaces. O Goberno da Deputación é a unica administración que colabora con esta cita, cunha achega de 6.000 euros, e que se celebra ata o 16 de xullo nas nas diferentes instalacións da localidade.
O Deputado explicou que se trata dunha iniciativa unica que, ademais de promocionar Mondoñedo, contribúe a dinamización social, económica e deportiva desta cidade. Rivera Capón sinalou ademais que “colaboramos con este tipo de iniciativas porque as administracións públicas debemos apoiar e fomentar o deporte base. Cremos no deporte como un instrumento fundamental para inculcar valores tan importantes na sociedade como o compañeirismo, o esforzo ou a solidariedade, así como ámbito de vida saudable, ademais de ser un motor socioeconómico na provincia”.
Elena Candia agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación con esta iniciativa deportiva coa que se da a coñecer “á nosa cidade”.
XXI Campus de Baloncesto
O XXI Campus de Baloncesto trae a Mondoñedo 400 mozos de entre 8 e os 18 anos toda España, para participar neste evento deportivo que se celebra en dúas quendas: do 1 ao 8 de xullo e do 9 ao 16.
Entre as actividades programadas nesta edición, destacan sesións de adestramento técnico e táctico, que complementarán con exercicios individuais. Ademais, terán clases de inglés, excursións, xornadas de praia e competicións de baloncesto, que se celebrarán en formato 3×3 e two ball. A programación desenvolverase nas instalacións deportivas da cidade de Mondoñedo; dous polideportivos interiores, catro pistas exteriores, unha piscina cuberta e outra fluvial, así como das instalacións do colexio escolar.
En pasadas edicións, este Campus celebrouse noutros Concellos mariñáns como o de Ribadeo e o de Barreiros, ao que acudiron estrelas do baloncesto como Calderón ou David Doblas. Este ano esperase algunha sorpresa.