Un total de 22 empresas presentan ofertas para elaborar os proxectos das sendas peonís e ciclistas en Lugo e concellos limítrofes
Un total de 22 empresas presentaron ofertas para elaborar os proxectos construtivos dos itinerarios peonís e ciclistas nos concellos de Lugo, Portomarín, Rábade, Outeiro de Rei e Friol.
As condicións de licitación prevén un prazo de 12 meses para a redacción dos proxectos, polo que a comezos de 2018 contarase con primeiros documentos redactados para que no 2019 se poida iniciar a contratación das obras.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé investir 2,5 millóns de euros na construción destas sendas máis a de Láncara, cuxo proxecto foi contratado en marzo e está xa en proceso de redacción. En total, informou, suman preto de 8 quilómetros de lonxitude.
Balseiro explicou que o obxectivo da consellería é incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.
Con esta iniciativa a Xunta habilita preto de 1 quilómetro de senda nun treito da LU-633, que une Portomarín cos núcleos situados na outra ribeira do encoro do Miño, un camiño que lle permite aos veciños destes núcleos acceder con maior facilidade aos servizos e que mellorará substancialmente o paso actual pola ponte sobre o encoro, nun treito que coincide co Camiño Francés a Santiago.
No concello de Lugo actuarase sobre 1,9 quilómetros na LU-612, entre a antiga estrada de Santiago e Toiriz. En Rábade, en 2,5 quilómetros no entorno do enlace da A-6. En Outeiro de Rei a intervención afectará a 1,3 quilómetros da LU-115, entre a poboación e o campo de fútbol e tamén entre a urbanización As Rozas e Matela. Por último, en Friol habilitarase un itinerario de 0,6 quilómetros na LU-231.
Igualmente, estase elaborando o proxecto que unirá a urbanización de Valdriz co núcleo da Pobra de San Xiao -en Láncara- cunha senda de 0,5 quilómetros coa que se ampliará, ademais, a ponte sobre o río, que é o principal obstáculo actual para a mobilidade peonil ou ciclista.
José Manuel Balseiro indicou que estas iniciativas enmárcanse no Plan de seguridade viaria 2016-2020, que se aprobou en febreiro de 2016 e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas, e alíñase cos obxectivos do Plan estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.











