Un total de 110 rapaces participan no II Campus de Verán Álex Llorca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, recibiron este xoves no Auditorio do Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo aos participantes da segunda edición do Campus de Verán Álex Llorca. Son preto de 110 rapaces de entre 8 e 17 anos, que dende o pasado luns están a gozar dun amplo programa de actividades no Pazo Provincial e as piscinas municipais de Frigsa, co apoio do Goberno da Deputación e do Concello de Lugo.

O Concelleiro e o Deputado das Áreas de Deportes recibiron aos participantes do Campus que, acompañados polo corpo técnico, percorreron as dependencias deste remodelado edificio municipal. Seguidamente, o Concelleiro e o Deputado, xunto co director técnico do campus Mateo Rubio, o xogador Álex Llorca, e o responsable do campus, Rubén Engroba, dirixiron unhas palabras aos participantes.

Rivera Capón subliñou que “renovamos a nosa aposta pola organización deste Campus debido ao éxito da primeira edición, e posto que consideramos fundamental promover este tipo de iniciativas, especialmente na época estival na que os rapaces dispoñen de máis tempo libre, coas que fomentar o deporte base e valores vinculados a este como o compañeirismo ou a superación persoal”.

Pola súa parte, Fernández Méndez felicitou aos organizadores do campus “pola aposta decidida polo deporte e a convivencia entre os rapaces e rapazas”. Do mesmo xeito agradeceu a Álex Llorca “a súa estreita vinculación con Lugo, que tras o seu paso polo Breogán, dúas tempadas atrás, segue mantendo os lazos coa nosa cidade, como o demostra a súa total implicación nesta actividade”.

Entre o corpo técnico do campus, ademais de Álex Llorca, un dos ídolos da afección celeste, atópanse destacadas personalidades do mundo da canastra como Mateo Rubio, ex seleccionador nacional e actual adestrador en Liga Eba e director deportivo do CB Sant Feliu.

Programación diaria

O campus, que xa comezou o día 10, rematará o 16 deste mes, e está dirixido a rapazas e rapaces nados entre os anos 2000 e o 2009, todos eles con un denominador común, o amor polo deporte da canastra. As actividades estanse a levar a cabo no Pazo Universitario e nas piscinas municipais das Pedreiras. Nesta segunda edición superáronse as previsións dos organizadores, posto que son máis de 100 os participantes, cunha programación diaria que contempla:

09:30 horas.- Almorzo
10:30 horas.- Adestramento técnico
11:45 horas.- Snack
12:15 horas.- Adestramento táctico, toma de decisións
14:00 horas.- Comida
16:00 horas.- Adestramento Táctico aplicado a situacións de xogo
17:30 horas.- Merenda
18:00 horas.- Competicións
20:30 horas.- Cea
22:00 horas.- Tecnificación/vídeo/charlas formativas/actividade tempo libre
23:30 horas.- Descanso

13 de xullo de 2017 | 14:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.