publicidade hoxe

Os Pendellos de Agolada convértense no ‘Corazón da Artesanía’ para festexar a tradición e a vangarda do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou hoxe o programa do Corazón da Artesanía. VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que do venres ao domingo se celebrará no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) consolidado como a cita de referencia do sector artesán galego.

Tal e como salientou Vázquez Abeal na rolda de prensa na que tamén participaron o alcalde de Agolada, Ramiro Varela; e Albino Quinteiro, presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, a gran festa da Artesanía de Galicia celebrarse durante tres días nun entorno único, testemuña das feiras do pasado. Amosarase así a toda a sociedade a tradición e a vangarda que van da man no sector, desde as figuras de pan de San Andrés de Teixido ou a olería tradicional ata as propostas máis contemporáneas en xoiería ou coiro.

Neste sentido, no encontro, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, poderá verse o traballo de 50 obradoiros artesáns, que representan a 23 oficios diferentes. Nos distintos pendellos haberá 33 postos de exposición e venda de produtos de artesanía, mentres que os restantes artesáns serán os encargados dos diferentes talleres. Tanto o público infantil como o adulto que visite Agolada poderá participar en obradoiros abertos nos que iniciarse no gravado, a elaboración de calzado con materiais reciclados, o papel, a cerámica ou os tapices.

Ademais, para os profesionais e público interesado a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño pon en marcha diferentes cursos formativos, previa inscrición, centrados na cestería tradional, a ourivería, a fotografía, o debuxo, a marroquinería, a sombreirería e os instrumentos musicais.

O Corazón da Artesanía é un espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.

Primeiro Campus dos oficios

Unha das principais novidades deste ano é a celebración do primeiro Campus dos oficios, que nesta primeira edición abordará o valor da madeira, da artesanía á industria, desde a perspectiva da súa natureza forestal, a súa primeira transformación no campo da industria, e os valores propostos polos produtos finais. Celebrarase o sábado, 8 de xullo, e contará coa participación de arquitectos, deseñadores, artesáns e representantes da industria e a xestión da madeira.

No ámbito da gastronomía, nesta edición poderán visitarse 50 postos de produtos alimentarios de calidade, onde haberá espazo para conservas, licores, mel ou doces. Ademais, haberá diferentes food trucks na praza da vila para complementar a oferta gastronómica. Non faltará á súa cita a oferta de Artesanía no prato, unha das estrelas da programación cada ano na que os cociñeiros Jorge Gago (A Maceta), Lucía Freitas (A Tafona), Héctor López (Restaurante España), Diego López “Moli” (La Molinera) e Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Cátering Boketé) serán os encargados de diferentes showcookings nos que a alta cociña se servirá en pezas de 14 obradoiros de Artesanía de Galicia. Ademais, a empresa Orballo, de Paderne, fará unha degustación de tisanas galegas.

Na programación musical que complementa o encontro inclúense os concertos de Galifunk Brass o venres ás 22:30, e Radio Cós o sábado á mesma hora. A actuación da Banda Municipal de Agolada será o sábado ás 13 horas, e o pasarrúas do grupo de Agolada Bico da Balouta ese mesmo día ás 18 horas. O domingo amenizará a sesión vermut a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos e ás 19:30 terá lugar a actuación do Coro Tradicional e Grupo de Baile de Cantigas e Agarimos.

Para facilitar a asistencia ao VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, tal e como explicou Sol Vázquez, unha vez máis haberá autobuses de balde de ida e volta desde Lalín e Melide, cuxos horarios, ao igual que o programa completo, poden consultarse na web de Artesanía de Galicia. Ademais, haberá unha zona gratuíta habilitada para cámping.

4 de xullo de 2017 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.