Os 24 obradoiros de emprego da Coruña formarán a 440 alumnos-traballadores cun investimento de 5,4 millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A provincia da Coruña contará en 2017 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas investiranse en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia.

Estes obradoiros, que foron aprobados no Consello da Xunta de onte, permitirán que un total de 440 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas de 59 municipios. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais amplíase de seis a nove meses e está previsto que a maioría comecen en setembro.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, terán lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contarán cada un con 15 alumnos-traballadores, realizaranse en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas, Santiago, Muros compartido con Carnota, Oleiros, A Coruña e Boiro.

Nesta resolución primáronse os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valoráronse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais como aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención á persoas dependentes. Por último, priorizáronse tamén os proxectos de concellos resultantes de fusións e aqueles que se asociaron para presentar o programa.

Proceso selectivo

A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros centos de persoas obterán un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo que se contratará nas vindeiras semanas.

21 de xullo de 2017 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.