publicidade hoxe

O Goberno da Deputación inxecta en Monforte 2,2 millóns de euros para infraestruturas, emprego e servizos sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou este martes sobre o investimento de 2,2 millóns de euros, que o Goberno da Deputación achegou aos 19.000 veciños deste municipio en impulso das infraestruturas e dotacións publicas, servizos sociais e emprego. Fíxoo nun ano, pois son 1,2 millóns do orzamento de 2016 os achegados, aos que se engade outro millón aprobado esta anualidade.

Campos Conde e Tomé Roca supervisaron o resultado das melloras de 245.000 euros, que financiou o Executivo Provincial, nas rúas Benito Vicetto, Leopoldo Calvo Sotelo, na peri urbana do polígono industrial do Reboredo e no aparcadoiro do Parque dos Condes. O conxunto deste traballos consistiron no acondicionamento do firme con aglomerado en quente.

A maiores, con outros 92.000 euros, o Goberno da Deputación colaborou co Concello de Monforte no arranxo doutras 5 rúas, que son as seguintes: Real, Santo Domingo, Campo San Antonio, Camiño Real, Colexio As Gándaras e Santa Clara.

O Executivo Provincial tamén acondicionou, con 36.400 euros, as estradas de Monforte a Currelos e a de Monforte a Rozabales.

655.000 euros en melloras no saneamento

Son 655.000 euros os que achega o Executivo Provincial á mellora do saneamento en 6 rúas de Monforte de Lemos. De dita cantidade, 155.000 euros son para acondicionar este sistema na zona de confluencia en San Pedro, uns traballos que arrancarán nos vindeiros días tras recibir recentemente o permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil polo que se agardaba para poder comezar.

O Goberno da Deputación destina os 500.000 euros restantes á dotación dun novo sistema de saneamento nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo, que conectará coa depuradora de Piñeira. Con estas actuacións, que tamén, neste caso, agardan o visto e prace da Confederación, mellorarse por completo a rede municipal en beneficios de todos os veciños de Monforte de Lemos, dando solución, ao mesmo tempo, aos inconvenientes da Xunta de Galicia para conectar as redes de saneamento do Porto Seco e a municipal.

4 rúas con novos alumeados públicos

Tamén no eido das dotacións públicas, o Goberno da Deputación financiou con máis de 31.500 euros a mellora do alumeado público en Cobas, no polígono industrial do Reboredo, Paseo da Compañía e Paseo de Lugo. Situáranse 88 novos puntos de luz de baixo consumo que, ademais de mellorar esta prestacións pública, contribuirán ao aforro duns 3.000 euros na factura municipal da luz.

23 novos empregos

O Goberno Provincial xerou 23 novos postos de traballo en Monforte de Lemos a través do Ben Empregado e do DepuEmprego. Fíxoo con 321.000 euros os custos laborais destes profesionais, que están contratados en empresas e colectivos sen ánimo de lucro, ademais do propio Concello onde reforzan as prestacións municipais.

Atención a 212 maiores

O Executivo Provincial xera neste municipio máis empregos, pois con 30.000 euros contrata a traballadores que presten 16.000 horas de atención profesionais a 212 maiores, aos que non atende a Xunta de Galicia por non telos catalogados como dependentes. Por este motivo, o fai o Goberno da Deputación co seu Servizo a Domicilio a non dependentes e da Teleasistencia gratuíta.

No eido do benestar, o Goberno da Deputación colaborou con 22.000 euros coa actividade que desenvolven en Monforte de Lemos na atención de persoas con capacidade diferentes a Asociación de Enfermos de Alzheimer, Auxilia e Cruz Roja.

Turismo, cultura e deportes

Son case 230.000 euros os que destinou o Executivo Provincial á dinamización social e económica do Concello de Monforte de Lemos a través do impulso ao turismo, á cultura e ao deportes, en colaboración co municipio e co tecido asociativo. Por exemplo, mellorou con case 50.000 euros a Oficina do Peregrino a sede do Consorcio de Ribeira Sacra, organismo que tamén recibiu outros 25.000 euros para colaborar co actividade de promoción da zona que levan a cabo. Entre outro exemplos, destacan os 30.000 euros para a celebración da Feira Medieval; os 15.000 euros para o Conservatorio de Música, os 57.000 euros para actividades culturais ou os 39.000 para as deportivas, que se desenvolven durante todo o ano.

Plan Único

O Presidente e o Alcalde destacaron que a través dos 500.000 euros que o Goberno da Deputación aprobou destinar a Monforte de Lemos “continuamos con este traballo en impulso das infraestruturas, do emprego e dos servizos sociais”. Pois deste orzamento, que se enmarca no Plan Único, o Goberno da Deputación achega 334.000 á mellora de infraestruturas, como, por exemplo, á pavimentación das rúas Duquesa de Alba e Conde; 24.000 euros para atención dun mínimo de 40 maiores que non atende a Xunta de Galicia; 65.000 euros á xeración de novos postos de traballo a través do DepuEmprego; 30.000 euros á celebración dunha nova edición da Feira Medieval; e outros 47.000 euros a máis actividades culturais e deportivas.

12 de xullo de 2017 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.