O ciclo Música nos Palcos inicia o seu percorrido coa actuación de ‘Áureas en voga’ en Moraña
A Área de Cultura da Deputación de Pontevedra recupera a importancia que os palcos da música tiveron nas vilas da provincia a través dun ciclo de tres concertos que terán lugar en Moraña, Pontevedra e Vigo. A primeira das actuacións terá lugar mañá mércores, ás 21:30 horas, no palco da música de Santa Xusta. “Neste primeiro caso apostamos por unha romaría dentro dunha festa parroquial, que era o sentido que tiña nas aldeas, e aproveitando un entorno de gran valor paisaxístico”, indica o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. O deputado nacionalista tamén incidiu en que a través deste ciclo “aproveitamos para por en valor unha nova fornada de músicos e músicas galegas que apostan por recuperar a nosa tradición musical e a ofrecen dun xeito contemporáneo e atractivo”.
Deste xeito, e no marco da programación do Ano do Patrimonio, realízanse tres accións para outorgar visibilidade aos escenarios musicais tradicionais, recuperando o ambiente lúdico que lles é propio, e fomentando a música en galego. Na provincia de Pontevedra hai unhas 33 vilas con palco, e máis de 80 catalogados. Concretamente o palco de Santa Xusta de Moraña presenta un bo estado de conservación, tanto o propio palco como a carballeira na que se atopa ubicado. Trátase dun palco octogonal de pequenas dimensións, co baseamento realizado integramente en pedra mamposta, con escaleira tamén en pedra, e varanda de forxa.
Os grupos escollidos para este ciclo –Orquestra Os Modernos e Áureas en voga- teñen repertorios baseados en ritmos propios da música tradicional galega en convivencia con outros máis internacionais, e sempre orientados ao baile. Deste xeito, preténdese achegar a música en galego a un público amplo, e aberto á fusión de diferentes estilos. No caso de ‘Áureas en voga’, que protagonizarán o concerto de mañá en Santa Xusta, trátase dunha formación de cinco mulleres, que no escenario se transformarán nunha arxentina, unha polaca, unha brasileira, unha inglesa e unha galega, e que unidas pola música, a emigración e a necesidade da liberdade, interpretarán ritmos bailables de moda de comezos do século pasado, en torno aos anos 20.