publicidade hoxe

Medio Ambiente finalizará a redacción do proxecto das infraestruturas básicas hidráulicas de Cospeito no último trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeito
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio finalizará no último trimestre deste ano a redacción do proxecto da terceira fase das infraestruturas básicas hidráulicas do Concello de Cospeito.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ás instalación da Edar da Feira do Monte, onde recordou que na actualidade o proxecto de redacción da terceira fase atópase en licitación, por un importe de 800.000 euros, e o obxectivo principal é dotar de abastecemento público a aquelas parroquias do concello que aínda non dispoñan do mesmo.

A responsable de Medio Ambiente indicou que o compromiso do Goberno galego co saneamento e a depuración das augas é indubidable e pódese traducir en números. No caso concreto do Concello de Cospeito, desde o ano 2009, o investimento a través de Augas de Galicia ascende a máis de 4,3 millóns de euros; xa que ao esforzo realizado na Edar visitada esta mañá hai que sumar as obras de saneamento e impulsión en Feira do Monte, así como as dúas primeiras fases do proxecto de Infraestruturas básicas hidráulicas do Concello de Cospeito.

“Un gran esforzo económico para que os veciños dispoñan de servizos básicos modernizados”, indicou Mato Otero, xa que contan cunha rede de saneamento de augas residuais e cunha rede de abastecemento de augas propias do século XXI.

Lembrou que na actualidade a Edar de augas residuais da Feira do Monte atópase en fase de probas e vén a solucionar as deficiencias que presentaba a antiga Edar, xa que en época de choivas víase excedida e provocaba verteduras directas sen depurar á Lagoa de Cospeito.

O proxecto, construído nunha parcela municipal de 2.000 m2, incluíu a construción de dous colectores, un para recoller as augas residuais da bacía oeste de Feira do Monte e levalas á nova estación depuradora, e outro colector dende a Edar de máis de 500 metros; e varios tanques de tormentas para minimizar a contaminación ao medio receptor. Tamén se fixo unha obra complementaria para dotar a esta Edar dun tratamento que elimina as areas que se achegaban á planta e impedían o correcto funcionamento da mes.

O importe achegado por Augas de Galicia para a materialización deste proxecto ascendeu a preto de 1,5 millóns de euros.

Por último, sinalou que é un proxecto respectuoso co medio ambiente, porque busca a eliminación das verteduras e evitar aportes contaminantes ao medio natural, e coa paisaxe, xa que aquelas instalacións da antiga Edar que quedaron en desuso foron desmanteladas, co que se permitiu recuperar e rexenerar un enclave paisaxístico de gran valor como é a Lagoa de Cospeito, un humidal enmarcado na Reserva da Biosfera Terras do Miño.

3 de xullo de 2017 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.