Medio Ambiente acomete obras de conservación e roza de matogueira en puntos do Camiño Natural do Cantábrico, no de San Rosendo e no acceso ao Souto da Retorta
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará hoxe distintas tarefas de conservación ao longo de algo máis de seis hectáreas pertencentes ao Camiño Natural do Cantábrico, ao Camiño Natural de San Rosendo e ao acceso ao Souto da Retorta.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos desenvolveranse a iniciativa da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e servirán para poñer en valor e favorecer o uso e aproveitamento desta ruta de grande interese paisaxístico e ambiental.
Con este propósito a Xunta destinará un orzamento aproximado de 6000 euros que suporán realizar tarefas de roza e control da vexetación nas marxes desta ruta así como a poda de árbores e arbustos naquelas zonas nas que resulte necesario. O apoio da Administración autonómica desenvólvese ao abeiro dun convenio asinado co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
O Camiño Natural Ruta do Cantábrico, que percorre a franxa costeira da Mariña luguesa ao longo de 133 quilómetros distribuídos en 6 etapas e 2 ramais, en concreto entre as localidades de Ribadeo e O Vicedo.
Este itinerario pódese realizar a pé e en bicicleta o que permite unha interacción co mar, gozando das rías e dos espazos naturais, algún deles como espazos naturais protexidos como a ría de Foz-Masma e ría de Fazouro, entre outros.
Tamén prevese actuar no Camiño Natural San Rosendo, itinerario que conta cun tramo recuperado na actualidade de 32 quilómetros de vías peonís entre as provincias de Ourense e Lugo. Dividido en tres etapas, o camiño segue o trazado de distintas calzadas romanas e, no caso da provincia de Lugo, cruza os municipios de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz
Finalmente acometeranse estas mesmas actuacións no acceso de entrada ao monumento natural do Souto da Retorta, en Viveiro, onde se atopan algúns dos exemplares desta especie arbórea de maior altura e envergadura do continente, como o famoso “avó”, plantado arredor do 1880.
Balseiro asegurou que a medida representa “un beneficio que se manifesta tamén na recuperación paisaxística destes contornas naturais e facilita a recuperación de sendas de uso público para o tránsito peonil”.











