Fomento da inclusión social a través do proxecto ‘Aprender traballando’ da Fundación Secretariado Gitano
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acudiu hoxe en Santiago á clausura da quinta edición do proxecto Aprender traballando levado a cabo pola Fundación Secretariado Gitano, un acto durante o que fixo entrega de diplomas aos participantes e empresas colaboradoras nesta convocatoria.
Esta iniciativa, posta en marcha no ano 2013, vai destinada a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, beneficiarios do programa de Garantía Xuvenil e con pouca ou nula cualificación profesional que se atopan en risco de exclusión social. O obxectivo é dotar de competencias básicas e profesionais aos participantes mellorando a súa cualificación profesional e, a través da colaboración con empresas, incorporalos ao mercado laboral. A duración deste programa é de seis meses e está dividida en dúas fases, sendo a primeira teórica e a segunda de formación na empresa.
Grazas a este programa, os mozos e mozas realizaron accións formativas no eido do aloxamento, da cociña e da restauración nos hoteis NH Hesperia Santiago Peregrino, NH Collection Santiago, Eurostars Gran Hotel Santiago, Tryp Santiago, Oca Puerta del Camino, AC Palacio del Carmen e no parador Hostal dos Reis Católicos.
Por outra banda, Aprender traballando axuda a familias afectadas pola crise, aumentando o ingreso familiar mediante a percepción dunha axuda económica durante a fase de formación na empresa.
Arturo Parrado sinalou hoxe o gran labor de inclusión que fai este proxecto, destacando a importancia que teñen este tipo de accións formativas que axudan aos colectivos con menos recursos a aumentar a súa empregabilidade. Apuntou tamén que a Xunta de Galicia seguirá apoiando este tipo de iniciativas que son de grande importancia para a sociedade galega.
Fundación Secretariado Gitano
Esta entidade social intercultural sen ánimo de lucro desenvolve desde o ano 2001 diversos programas e accións que buscan fomentar a participación social e a incorporación laboral das persoas xitanas en Galicia. Na actualidade atende arredor de 2000 persoas a través das sedes de Lugo, Santiago, A Coruña, Narón, Pontevedra e Vigo.











