publicidade hoxe

Cultura licita obras de restauración na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita hoxe no Diario Oficial de Galicia o contrato para a execución de traballos de restauración na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as actuacións contan un orzamento de licitación de 181.500 euros, teñen carácter plurianual e suporán a recuperación da pintura mural da ábsida e a aplicación de tratamentos biocidas nos paramentos interiores.

Na ábsida procederase á restauración do conxunto mural policromado, exceptuando a zona restaurada da epístola. En canto á intervención nos paramentos interiores, inclúe un estudo da colonización biolóxica, aplicando tratamentos biocidas por toda a superficie -nave, cruceiro e capelas ou absidiolos- que se amosan afectados.

O delegado territorial explicou que con esta intervención a Consellería da continuidade á primeira fase de recuperación das pinturas, rematada hai algo máis dun ano. Balseiro lembrou que a igrexa de Vilar de Donas é un ben de interese cultural “no que destaca especialmente a singularidade do conxunto pictórico”, e sinalou que “ademais do evidente valor patrimonial que posúe, é un dos principais recursos turísticos do municipio”.

As empresas interesadas en optar ao contrato teñen un prazo de 15 días para presentar as ofertas. Unha vez adxudicado, o prazo de execución previsto para os traballos é de 9 meses, incluíndo a redacción do proxecto de intervención.

5 de xullo de 2017 | 14:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.