publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos de reforzo do firme na PO-548 ao seu paso por Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís comprobou esta mañá o inicio dos traballos de reforzo do firme na PO-548 ao seu paso por Vilagarcía de Arousa.
Deste xeito, os traballos suporán a mellora desta estrada, entre Pontecesures e Vilagarcía, afectando a tramos nestes dous concellos, así como a Valga e Catoira, ao longo de 16 quilómetros.

Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme e a sinalización horizontal, actuando na calzada existente. “Neste senso, queremos solicitar a comprensión dos usuarios xa que sabemos que estamos en plena época estival e que aumenta a circulación de vehículos, pero é necesario facer estes traballos durante a época de bo tempo para garantir a máxima eficiencia na súa execución”, explicou Cores Tourís.

Estas obras forman parte dun proxecto de reforzo do firme localizado en varias estradas: a PO-300, a PO-305, a PO-549 e a VG.4.2, e “que teñen como obxectivo o mantemento e conservación destas vías autonómicas”. O orzamento global é de 650.000 euros.

Melloras noutras estradas

Durante a visita, o delegado territorial destacou que outro proxecto de mellora de estradas na comarca de Arousa e de concellos limítrofes e que se estivo a executar nas últimas semanas permitiu reforzar outras estradas como a PO-226 e a PO-308 e que supuxo un investimento global de 850.000 euros.

Dentro de este proxecto de obras en estradas destaca as executadas na PO-531, que acaban de rematarse e que forman parte deste proxecto, mellorándose en diversos tramos situados nos concellos de Pontevedra, Vilagarcía e Barro, cun investimento de 565.000 euros, IVE incluído.

Ademais destas actuacións de reforzo e rehabilitación do firme, co repintado de marcas viarias e símbolos nos tramos destas estradas, tamén se repintaron outros tramos de varias estradas nas comarcas de Pontevedra e Arousa.

Estas obras, segundo destacou Cores Tourís, consistiron no fresado e reposición do firme actual dado que se detectou certo deterioro no mesmo. “Deste xeito, seláronse as fisuras cunha aplicación de masilla a base de betún modificado e tamén con leitada bituminosa”, explicou o delegado territorial, estendéndose unha capa de 3 centímetros de mestura bituminosa.

Unha vez executada a mellora e reforzo do firme, repúxose a sinalización horizontal mantendo os mesmos criterios na ordenación do tráfico que existen na actualidade. Os terreos sobre os que se executou o proxecto pertencen ao dominio público da estrada polo que non será necesario expropiar novos terreos.

“A maiores de todo o anterior, tamén se incluíu no orzamento deste proxecto a limpeza e reperfilado das beiras destas estradas, a execución de cunetas de seguridade e a reposición das tapas de rexistro”, rematou Cores Tourís.

20 de xullo de 2017 | 14:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.