publicidade hoxe

Chantada renova a sinalización dos seus principais recursos turísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantada
A-
A+

O Concello de Chantada mellorará e renovará a sinalización dos seus principais recursos turísticos co apoio da Administración autonómica, en concreto, grazas a unha axuda que con este fin vén de outorgarlle Turismo de Galicia.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen puxo en valor este investimento, de preto de 15.000 euros, que contribuirá a mellorar a imaxe da vila e, con especial intensidade, á localización dos principais puntos de interese para turistas e visitantes.

O proxecto contempla a instalación de sete conxuntos de carteis, situados de xeito estratéxico nas principais rúas, de 30×150 centímetros e fabricados en aluminio extrusionado e sustentados con poste telescópico de aluminio, áncora e mordaza.

Os emprazamentos escollidos serán a rúa Portomarín, nos cruzamentos coa avenida de Monforte e de Lugo; na avenida de Ourense en cruce coa de Portugal, na rúa Guadalorce, con cruce coa avenida dos Pilos; na avenida de Portugal, no cruce coa rúa Gateiros os Barrios; e nesta última no cruce coa estrada LU-P-1807.

Estes novos indicativos complementan aos xa instalados de cara ao fortalecemento da información turística máis transcendente a todas as persoas e, de xeito especial, para os que se acheguen a coñecer e gozar dos recursos da localidade. A achega autonómica é tamén unha demostración do compromiso coa boa imaxe que ten que presentar o pobo e que redunda na súa excelencia turística.

26 de xullo de 2017 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.