publicidade hoxe

As “Noites Teatrais” de Vilamarín celebran o seu trinta aniversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseVilamarín
A-
A+
Presentación das "Noites Teatrais"

Presentación das “Noites Teatrais”

As “Noites Teatrais” de Vilamarín chegan este ano a súa XXX edición cun programa de actuacións que se desenvolverá do día 10 ao 14 de xullo, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal, con entrada gratuíta. A presentación deste evento cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e o alcalde e concelleiro de Vilamarín, Amador Vázquez e Marcos Vázquez.

Rosendo Fernández dixo que este evento cultural “reúne a un elenco escénico de calidade nun dos certames de artes escénicas máis importantes de Galicia, que se leva a cabo grazas á cooperación entre institucións que fai posible o desenvolvemento social e cultural dos nosos territorios”. Asemade, o vicepresidente do goberno provincial dixo que a Deputación de Ourense “sempre está ao carón deste tipo de iniciativas que aglutinan lecer, cultura e convivencia social”.

O alcalde de Vilamarín destacou que é un evento “que non só é referente en Galicia, senón que incluso hai compañías de diferentes lugares de España que nos chaman para participar nel, pero nós, tratando de potenciar sempre a nosa cultura, tratamos de que sempre sexan obras galegas”, e engadiu “este ano é especial e, por iso, haberá cinco días de Noites Teatrais ás cales se incorporan xente natural de Vilamarín para inaugurar esta edición”.

Pola súa parte, Marcos Vázquez explicou o programa “que pretende facer chegar á xente as inquedanzas das persoas a través da comedia porque cremos que é o vehículo máis rápido para chegar a moitas sensibilidades e non ferir outras”. Así, a programación comeza o día 10 de xullo “co primeiro grupo teatral de Vilamarín que abrirá as “Noites Teatrais” coa obra “Melocotón en almíbar” unha obra chea de humor e comedia”, dixo o concelleiro de Vilamarín. Ao día seguinte sóbese ao escenario a Aula de Teatro Universitario “Maricastaña”- Sarabela, de Ourense coa obra “A última cornixa do mundo”, “a obra con máis poesía e sensibilidade da semana”, sinalou Marcos Vázquez. O mércores, 12 de xullo, será a quenda para “Os vellos non deben de namorarse” a cargo do Teatro do Morcego, de Narón, “o clásico de Castelao levado aos tempos actuais”, afirmou Marcos Vázquez. O xoves sairá a escena Malasombra Producións de A Estrada coa obra “O caso é ter saúde” e, por último, o venres, 14 de xullo, pechará a programación Contraproducións, de Vedra, coa obra “O tolleito de Inishmaan” que “nos últimos premios María Casares recibiu cinco premios”, engadiu o concelleiro.

5 de xullo de 2017 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.