A Xunta tratará de retomar o diálogo coa Deputación de Pontevedra como vía para o mantemento do convenio do centro Príncipe Felipe
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reiterou hoxe novamente a intención da Xunta de Galicia de retomar o diálogo coa Deputación de Pontevedra para manter o convenio de colaboración entre ambas institucións que permite a viabilidade do centro de menores Príncipe Felipe en Pontevedra.
Así o fixo no transcurso dunha rolda de prensa na que, acompañada do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, destacou que este recurso é un referente na cidade no que respecta á atención de menores grazas á profesionalidade dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos nel. Ademais, incidiu en que “a máxima prioridade da Xunta é o benestar dos menores e sobre todo, daqueles que presentan determinados problemas de conduta e que deben ser atendidos desde a rede normalizada de centros de protección”. Deste xeito, insistiu en que a man do goberno autonómico sempre estará tendida, neste caso á Deputación, para continuar coa negociación dos contidos do convenio en aras de melloralo e así dar continuidade a este recurso. Nesta liña, a directora xeral valorou moi positivamente o cambio de parecer da Administración provincial no senso de potenciar una infraestrutura moi importante para a atención dos menores galegos.
Por outra banda, desde a Administración autonómica considérase necesario continuar avanzando no funcionamento da comisión de avaliación prevista no convenio asinado entre Xunta e Deputación, estudando os informes do centro e buscando a mellor solución para cada menor en función das súas circunstancias persoais, familiares e sociais. Ao fío disto, González fixo fincapé en que “é a Xunta quen ten as competencias para asumir a protección dos menores, a súa tutela ou garda e a distribución dos recursos e programas dispoñibles”.
A titular autonómica fixo referencia ás demandas realizadas polo persoal do centro con respecto a adecuar a súa formación ás necesidades actuais dos menores usuarios deste centro. Por elo, “ofrecemos aos traballadores e traballadoras a posibilidade de asistir a aqueles cursos formativos que promove a Consellería de Política Social para o persoal de menores en distintas materias”.











