publicidade hoxe

A Xunta inviste 222.000 euros na mellora da seguridade viaria na estrada que comunica Fene con Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMugardos
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras que se están levando a cabo na estrada AC-133 entre Fene e Mugardos, ao seu paso por este concello. O proxecto pretende a mellora do trazado no treito comprendido entre os puntos quilométricos 9,6 e 10 da devandita estrada, no lugar de Fonte Grande, ademais da realización de dous cambios de sentido no inicio e no final do treito.

En concreto, as obras consisten na construción dunha variante de trazado no treito indicado, eliminando dúas curvas perigosas. Habilitaranse, así mesmo, dous cambios de sentido: un no cruce coa estrada DP-3504, que disporá de carril central para facilitar os xiros á esquerda; e outro no cruce coa estrada da rúa Peneda. Coa realización deste proxecto preténdese, por unha parte, aumentar a comodidade da circulación ao ampliar o raio das curvas, e ademais incrementar a seguridade e facilitar os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.

Como complemento a esta actuación, levarase a cabo a sinalización horizontal e vertical, balizamento e barreiras, e a reposición de elementos de drenaxe e servizos afectados. O orzamento previsto é de máis de 222.000 euros e o prazo de execución é de cinco meses, polo que está previsto que os traballos queden rematados antes do remate do verán.

Con esta actuación, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, dá resposta a unha vella demanda dos veciños desta zona viñan solicitando a mellora desta estrada e con esta actuación a Xunta indica que cumpre o compromiso acadado con eles. Ovidio Rodeiro lembrou que “o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020 da Xunta de Galicia desenvolve medidas e accións englobadas para minorar a incidencia dos accidentes de circulación”. Indicou que este Plan “contempla cinco obxectivos estratéxicos”: Xestión da seguridade viaria, vías de tránsito e mobilidade máis seguras, vehículos máis seguros, usuarios de vías de tránsito máis seguros e resposta tras os accidentes.

19 de xullo de 2017 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.