publicidade hoxe

A Xunta investirá 3,7 millóns de euros na provincia de Ourense co Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita ao Concello de Boborás

Marisol Díaz na visita ao Concello de Boborás

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, trasladouse esta mañá ata o concello de Boborás para supervisar os traballos de acondicionamento de varios camiños municipais executados ao abeiro do Plan Marco do ano pasado. Díaz Mouteira aproveitou para destacar que os concellos da provincia ourensá recibirán este ano unha axuda total de preto de 3,7 millóns de euros a cargo deste programa para o acondicionamento de camiños rurais de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural.

Segundo salientou a máxima representante do Goberno galego na provincia de Ourense mediante a execución deste tipo de actuacións, preténdese mellorar a calidade de vida dos veciños, propiciar a cohesión territorial e fixar poboación.

Díaz Mouteira explicou ademais que o reparto destes fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación ou a ruralidade.

Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada polo alcalde da localidade, Cipriano Caamaño, e polo xefe territorial do departamento dirixido por Ángeles Vázquez en Ourense, Yago Borrajo. En Boborás levouse a cabo a mellora dos camiños de acceso aos montes veciñais en man común de Batallas e Laxa, por un montante de 59.395 euros. Estes dous viais eran camiños de terra e os traballos consistiron en dotarlles de firme asfáltico. A delegada territorial subliñou que o acondicionamento destas infraestruturas viarias redunda nunha mellora da calidade de vida dos habitantes da zona e do rural galego en xeral.

As obras do Plan Marco consisten na ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que facilitan o acceso a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias. Tamén se favorece o acceso a montes veciñais en man común e a parcelas incorporadas ao Banco de Terras.

13 de xullo de 2017 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.