A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de seis vivendas de promoción pública na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña aprobou a resolución de inicio do procedemento para a adxudicación de seis vivendas de promoción pública actualmente vacantes na Coruña, que se adxudicarán en réxime de compravenda ou alugueiro. Tamén comezou o procedemento para a adxudicación dunha vivenda de promoción pública en Betanzos.

O sorteo, entre os inscritos no rexistro na data de hoxe está previsto para o próximo 29 de agosto.

A comisión tamén iniciou os procedementos de adxudicación de 10 vivendas vacantes en Santiago de Compostela, destinadas a menores de 35 anos, que se adxudicarán en réxime de alugueiro.

Por outra parte, aprobouse a proposta de adxudicación directa de vivendas de promoción pública ou cedidas por entidades financeiras. Estas vivendas van dirixidas a familias en situación de vulnerabilidade.

Unha das vivendas que se adxudicará directamente está emprazada na Coruña e outra en Santiago de Compostela. Ademais proponse a adxudicación directa de cinco vivendas no concello de Cee, neste caso cedidas por Abanca e por Sareb.

No que vai de ano, a Xunta adxudicou directamente outras 34 vivendas cedidas por Sareb ou as entidades financeiras. Estas vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro social a familias afectadas por desafiuzamentos por impago da hipoteca ou o alugueiro e a outras familias en situación de vulnerabilidade, como é o caso das cinco que a Comisión Provincial de Vivenda propón adxudicar en Cee.

Por outra parte, a Comisión tamén propuxo a adxudicación de dúas vivendas de promoción pública propiedade da Xunta en Santiago de Compostela e A Coruña.

5 de xullo de 2017 | 14:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.